Meira e Pobra marcan o ritmo na Liga Galega de Traiñeiras

Traiñeira Meira

Samertolameu impúxose na primeira regata puntuábel da competición, que se disputou en augas de Coruxo. Na regata de presentación, no Grove, a vitoria foi para os pobrenses.

Comezou a Liga Galega de Traiñeiras e en apenas dúas regatas, unha de presentación e outra puntuábel, xa se vislumbran as proas das dúas embarcacións que poden acabar sendo as protagonistas desta tempada, Samertolameu de Meira e A Pobra. Dúas traiñeiras sobre as que coinciden prognósticos e apostas de adestradores, remeiros e afeccionados.

 

Meira impúxose na primeira regata puntuábel, a que tivo lugar este domingo pasado en augas de Vigo. Unha vitoria lograda no último longo, onde foi quen de superar os 2 segundos de vantaxe que lle levaba A Pobra na última ciaboga e meterlle 8 segundos de diferenza. Toda unha demostración de  forza que a sitúa como líder da Liga Galega de Traiñeiras, con 11 puntos.  Os pobrenses foron segundos e Mecos marcou o terceiro mellor tempo entre as 11 embarcacións participantes na LGT-A.

 

Na regata de presentación, no Grove (e non puntuábel), impúxose a traiñeira da Pobra, que marcou un tempo de 20:06:40, sacando 11 segundos de diferenza aos segundos clasificados, Meira. Na categoría B a vitoria foi para Mera, con 20:42:43, que fixo o mellor tempo entre as 7 traiñeiras que compiten nesta categoría. Na LGT Feminina, as remeiras de Mecos foron as gañadoras nesta categoría non puntuábel, impoñéndose a Cabo da Cruz (á que sacou 23 segundos) e as outras tres embarcacións).

 

As seguintes citas serán o 24 de xuño en Redondela para a LGT-Categoría B, e o 1 de xullo na VI Bandeira Salgado para a LGT-A e II Bandeira Concello de Oleiros para a LGT Feminina.