Martín de la Puente gaña o torneo de dobres de Wimbledon de tenis en cadeira de rodas

Spaargaren e De la Puente cos trofeos que os acreditan como vencedores de Wimbledon. (Foto: Europa Press)

O tenista galego Martín de la Puente volveu a facelo. Tras imporse en 2022 na categoría de dobres de US Open, este sábado 13 proclamouse vencedor do campionato de campión de Wimbledon.   

O galego, xunto á súa parella o neerlandés Spaargaren, superaron nas pistas de  Wimbledon aos británicos Hewett e Reid para proclamarse campións do torneo de herba máis importante do mundo de tenis.

"Temos que felicitar a Gordon e Alfie", afirmou Martín de la Puente, tras vencer nun campionato que até a data se lle tiña resistido, malia os éxitos alcanzados ao longo da súa carreira.

Un deles foi a medalla de bronce na competición de dobres de tenis en cadeira de rodas nos Xogos Paralímpicos de París, desenvolvidos en setembro do ano pasado, onde formou parella con Dani Caverzaschi.

Martín de la Puente, en relación cos seus rivais da final de Wimbledon, asegurou que "están a facer un traballo fantástico aquí gañando cada ano. Felicítoos por esta semana e grazas a todos por vir e apoiar o tenis en cadeira de rodas".

O trunfo en dobres de Wimbledon fronte a unha parella da que facía Alfie Hewett tivo para Martín de la Puente un significado especial, pois o tenista británico apeouno da final individual do torneo.

Referencia do tenis mundial

Martín de la Puente (Vigo,1994) é  un dos grandes referentes do tenis en cadeira de rodas a nivel mundial. O deportista galego, que comezou a practicar este deporte aos 14 anos, experimentou unha progresión meteórica nos últimos anos que lle levou a situarse entre a elite mundial.