Marián Mouriño "paga a rolda" que prometeu en Belgrado
Seareiras e seareiros do Celta reciben esta semana paquetes enviados pola presidenta do club.
"Marián paga unha rolda, paga unha rooolda". Así corearon os perto de 900 seareiros e seareiras do Celta de Vigo ao final do partido contra o Estrela Vermella en Belgrado, o pasado 29 de xaneiro.
É habitual que os xogadores se acheguen á bancada de animación a saudar a súa afección ao remate dos partidos, mais desta volta tamén o fixo a presidenta da entidade celeste, Marián Mouriño. Contenta polo resultado e como mostra de agradecemento ás afeccionadas e afeccionados de diferentes partes da Galiza, do Estado e de Europa que se desprazaron á capital serbia para apoiar o equipo.
Esa noite non houbo rolda pagada por Marián, mais ás celtistas e aos celtistas agardábaos unha sorpresa. Esta semana, os seareiros que se desprazaron a Belgrado comezaron a recibir nas súas casas uns paquetes coa seguinte mensaxe: "Aquí tes a rolda que vos prometín en Belgrado. Grazas por acompañarnos nesta volta a Europa". Asina a tarxeta Marián Mouriño Terrazo, acompañada cunha botella de Estrella Galicia. Efectivamente, a rolda prometida pola presidenta do Celta.
Un detalle do club celeste coa súa afección que encaixa co facer ao que o equipo nos ten acostumados nos últimos tempos: o coidado á súa base social e á lingua e cultura da Galiza.