Keltoi e Lavandeiras de San Simón representan Galiza en An Oriant

Parte dos xogadoras e das xogadoras con acompañantes en An Oriant. (Foto: Keltoi)

O equipo vigués Keltoi e unha representación de Lavandeiras de San Simón xogarán este sábado un torneo amigábel de fútbol gaélico en Breizh, dentro da programación do Festival Intercéltico de An Oriant. O evento deportivo procura recuperar a irmandade creada en 1983 entre a cidade olívica e esta vila bretoa. 

Alén da música e de actividades culturais, o Festival Intercéltico de An Oriant acolle estes días varias iniciativas relacionadas co deporte na que participan tamén os países con presenza no evento. Nesta edición, sábado mesmo repítese a experiencia de realizar un torneo aberto a toda a xente que queira participar con deportistas de equipos de toda Breizh e, ademais, realizarase un torneo oficial no que haberá presenza galega.

Neste último, na categoría masculina, xogarán os vigueses Keltoi ante o conxunto local de An Oriant. No apartado feminino, o partido reunirá un combinado irlandés procedente de Galway ante An Oriant con apoio das xogadoras viguesas do Lavandeiras de San Simón.

A participación viguesa neste festival xurdiu despois da chamada da organización bretoa do evento en 2018 que botaba en falta máis relación entre ambos os dous municipios que están irmandados desde 1983. "Querían relanzar o vencello e promover a amizade entre as cidades polo que comezou a relación deportiva primeiro con varios torneos en Vigo e despois tamén en Bretaña", explica a Nós Diario Miguel Otero, presidente e xogador  de Keltoi.

Neste sentido, salienta que, máis alá do deportivo, o torneo é "un reencontro cos pobos de cultura celta". Desde ese ano comezaron os partidos conxuntos, no caso galego formando parte do Torneo Reconquista de Vigo e en territorio bretón como parte do seu afamado festival. 

O momento de Keltoi

Para Keltoi, esta viaxe chega nun momento especial despois de gañar na competición nacional a Liga e a Copa. Porén, o seu presidente recoñece que neste tipo de torneos "todo depende dos xogadores que poidan viaxar". Nesta ocasión o club vigués conseguiu contar con once membros do equipo, unha convocatoria que permitiu realizar un choque directo e non combinado con xogadores doutros equipos.

Da campaña pasada, Otero recoñece que tiveron "un pouco de sorte" por chegar a ser máis regulares. Para a tempada que comezará en outubro as eivas veñen por parte das lesións e un complicado relevo xeracional. "Non poderemos contar con Julio e Borja", sinala o tamén xogador do equipo vigués. Sobre novas incorporacións, cada ano procuran "captar" novos valores, algo que non lles resulta moi sinxelo.   

Estrea de Lavandeiras

Quen se estrea viaxando a Breizh é o recentemente creado Lavandeiras de San Simón. Neste caso serán tres das súas compoñentes as que xogarán nun combinado bretón e vivirán a experiencia dun torneo internacional. Non é o caso dunha delas, Antía Iglesias, que leva oito anos neste deporte desde que se incorporou primeiro ao Keltoi e despois ao Independente para formar parte, agora desta aventura co novo equipo.

"Este tipo de partidos son moi emocionantes, tamén polo compañeirismo"que hai dentro e fóra do campo", asegura a Nós Diario. Fala por experiencia despois de xogar coa selección galega, coa que está convocada para o Mundial, e noutros torneos a nivel europeo. "Era mellor xogar todo equipo de Lavandeiras mais non conseguimos xuntar a xente necesaria", recoñece.

Sobre o seu equipo, creado o ano pasado e que xa participou a  pasada tempada na liga galega feminina, Iglesias explica que conseguiron 24 fichas das que só tiveron para esta campaña dúas baixas "por motivos laborais". No aspecto deportivo, está satisfeita de como se desenvolveron os partidos "tendo en conta que hai moito nivel e os equipos que participan levan moitos anos xogando xuntas". Por iso, o obxectivo máis inmediato vai ser "comezar a gañar partidos, aínda que nalgúns encontros estivemos bastante ben".

 A súa preocupación, igual que no caso da categoría masculina e que comparten todos os clubs galegos deste deporte, é a continuidade. "Este mes comezaremos cunha campaña forte, igual que fixemos o ano pasado, para captar máis xente  

A tempada do Mundial

O fútbol gaélico vivirá esta tempada 2025-2026 coa vista posta no Mundial que decorrerá en Waterford (Irlanda) entre o 13 e o 17 de xullo. Para preparalo, as seleccións masculina e feminina concentráronse este verán primeiro en Lalín (O Deza) e logo nunha minixira pola propia Irlanda onde xogaron contra St Brigids, St. Pats Donabate,  St Sylvesters e Kilmacud Crokes.

A presenza da Irmandiña na principal competición internacional deste deporte tamén condicionará a liga nacional. No Keltoi, por exemplo, o seu presidente ten claro que a idea é "rematar con tempo a competición galega" para poder preparar a participación da Galiza.

A irmandade do fútbol gaélico

Un dos xogadores que viaxou este ano até Bretaña foi Roi de Castro. Será a súa segunda convocatoria e coincide con Miguel Otero e Antía Iglesias en que a base deste torneo, como do que decorre anualmente en Vigo, "é a amizade". Alén do xogo, xogadoras e xogadores comparten varios días de convivencia nos que poñen en común a realidade deste deporte en ambos os dous países.

"A súa liga é algo inferior que a nosa, como acontece coa súa selección, mais os problemas son semellantes", sinala De Castro a Nós Diario. E nese tema sinala conseguir ese procurado relevo xeracional para que os equipos poidan ter futuro. Por este motivo pon en valor este tipo de amigábeis para achegar xente nova, algo do que o Keltoi tomou nota xa no seu momento e aproveitou para traer estes días até Breizh tres novas caras.