Jessica Bouzas segue facendo historia en Roland Garros
A tenista de Vilagarcía derrotou á norteamericana Robin Montgomery por 4-6, 6-4 e 5-7.
Jessica Bouzas segue demostrando a súa ambición e bo momento de xogo. Esta quinta feira derrotou á norteamericana Robin Montgomery na pista 12 de Roland-Garros por 4-6, 6-4 e 5-7 e confirmou o seu pase á seguinte rolda.
Tras un emocionante partido, no que a tenista de Vilagarcía de Arousa (O Salnés) mantivo a iniciativa en todo momento ante a número 115 da WTA, o último set certificou que a vitoria caera no lado galego.
O primeiro set definiuse en trinta e oito minutos, cunha Bouzas segura do seu xogo e sen dar opcións para rematar cun 4-6 no marcador. A norteamericana refíxose no segundo set para forzar un terceiro igualando o resultado cun 6-4.
O terceiro, e definitivo, foi o máis traballado por ambas as dúas tenistas. Emerxeu a igualdade e a emoción aterrou na pista cando Montgomery empataba cada xogo da galega. Porén, Bouzas mantivo a seguridade e no seu servizo conseguiu levarse a vitoria cun 5-7 clarificador.
Agora, a de Vilagarcía deberá enfrontarse a outra norteamericana, Hailey Baptiste (70 no WTA), o vindeiro sábado en horario aínda por confirmar.