A Irmandiña xógase o pase á final estatal da Copa das Rexións UEFA na Malata, onde estrea a camiseta presentada por Borja Iglesias
A Selección Galega xógase hoxe no estadio da Malata (Ferrol) o pase outro ano máis á fase final estatal da Copa das Rexións UEFA. Todo pasa por superar na eliminatoria ante Asturias na gran cita que terá lugar a partir das 18 horas con entrada gratuíta (previa retirada de invitación). O seleccionador Manolo García desvelou a pasada semana a convocatoria de 18 futbolistas que defenderán Galiza na cita vital ante Asturias.
Andrés, do Gran Peña FC, e Ayoub, do Viveiro CF, serán as dúas opcións na portaría. Pola súa parte, entre os xogadores de campo estarán Ander Bellido, Óscar, Caravan e Brais Vidal, do CD Estradense); Achore, do Atlético Coruña Montañeiros; Cadra e Make, do Racing Club Vilalbés; Dopico, da UD As Somozas; Enjamio, do CD Boiro; Noel Álvarez, do CD Barco; Juan Cambón, da UD Somozas; Adri Rodríguez, do Céltiga FC; Lombao, do Arousa SC; Rachu, do FC Noia, Lucas Cambra, do Alondras CF, así como Noel Chaves, do Xuventude Cambados.
Os catro vencedores da fase final estatal serán os que entren na final a catro do 1 de marzo, da que sairá o representante para a fase europea. Galiza xa conquistou esta Copa no ano 2023.
O acceso ao estadio da Malata para ver o partido será gratuíto, mais será necesario retirar a entrada, ben nas datas previas nas oficinas da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) en Ferrol (rúa Venezuela, 4) ou do Racing Club Ferrol, ou ben na propia porta do estadio nos momentos previos á disputa do encontro.
Estrea da camiseta
O desta cuarta feira non será un encontro calquera, senón que será o partido da estrea da nova camiseta da Irmandiña, a cal foi presentada esta terza feira co protagonismo de Borja Iglesias, quen serviu de modelo para amosar ao público o novo deseño que será empregado para representar o país no fútbol.
Desta maneira, o 'Panda', imaxe da Real Federación Galega de Fútbol para o evento de presentación da nova camiseta, mostrou ao mundo o novo e exclusivo deseño de Adidas e Fútbol Emotion para o fútbol galego.
A entidade que preside Pablo Prieto aproveitou a recente inauguración da tenda de Fútbol Emotion no Centro Comercial Gran Vía de Vigo para organizar un acto especial e diferente coa figura de Borja Iglesias como grande embaixador e imaxe da RFGF. O propio futbolista destacou o impacto e a beleza da nova camiseta da Selección Galega, á vez que tamén lembrou o seu paso polas categorías inferiores vestindo a camiseta da Galiza.
Máis de 200 persoas déronse cita na nova tenda de Fútbol Emotion no Centro Comercial Gran Vía de Vigo para non perder detalle da presentación en sociedade da nova camiseta.