Irán rexeita participar no Mundial: "Que persoa sensata enviaría a súa selección nacional aos Estados Unidos?"
O ministro de Deportes do Irán, Ahmad Donyamali, descartou esta cuarta feira a participación do seu equipo nacional masculino de fútbol no Mundial que este verán organizarán, de forma conxunta, os Estados Unidos, Canadá e México. Unha decisión motivada pola agresión militar orquestrada por Donald Trump contra o país persa e que derivaron no asasinato do aiatolá Alí Khamenei.
"Desde que este goberno corrupto [o dos Estados Unidos] asasinou o noso líder, non se dan as condicións para participar no Mundial”, dixo Donyamali, nunha entrevista concedida á axencia DPA. "Debido ás maliciosas medidas tomadas contra o Irán, vímonos obrigados a librar dúas guerras en oito ou nove meses, e miles dos nosos compatriotas foron asasinados. Polo tanto, non temos ningunha posibilidade de participar desta maneira”, insistiu o ministro.
Na mesma liña manifestouse o presidente da Federación Iraniana de Fútbol, Mehdi Taj: "Que persoa sensata enviaría a súa selección nacional aos Estados Unidos?". Taj deixou entrever tamén un boicot ao Mundial deste verán logo do sucedido durante a Copa Asiática en Australia co seu equipo feminino, con parte das súas integrantes optando por ficar no país oceánico após recibiren visados humanitarios polo "temor a represalias" no Irán por declinaren cantar o himno do seu país antes dun partido, un movemento que desde o Goberno iraniano entenden orquestrado polos Estados Unidos. A decisión, con todo, aínda non foi ratificada diante da FIFA.
O combinado masculino iraniano gañou o billete a esta competición durante a fase de clasificación e, após o sorteo decorrido en decembro pasado, quedou encadrado no grupo G canda Bélxica, Exipto e Nova Zelandia. Os seus partidos disputaríanse en Inglewood (California) e Seattle (Washington).
Precisamente esta pasada terza feira o presidente da FIFA, Gianni Infantino, reuniuse con Donald Trump para analizar a situación do Irán a respecto da Copa do Mundo e o mandatario estadounidense, segundo Infantino, garantiulle que o equipo iraniano será "benvido" para competir canda o resto de seleccións nun torneo que comezará o vindeiro 11 de xuño.
Xa en novembro Trump afirmara que os xogadores e o corpo técnico do Irán obterían os visados para entrar nos Estados Unidos; non así os seareiros iranianos que quixesen acompañar a súa selección, alegando motivos de "seguridade nacional".