Os ingleses Watford e Middlesbrough agardan polo Dépor esta pretempada

O Riverside Stadium do Middlesbrough. (Foto: Middlesbrough)
O Deportivo medirase con dous equipos da Segunda División inglesa este verán.

O Real Club Deportivo da Coruña xa ten decididos os primeiros compromisos de pretempada para pór en marcha o equipo de cara a campaña vindeira que comeza o 17 de agosto. A entidade que preside Juan Carlos Escotet anunciou esta terza feira de maneira oficial que os branquiazuis viaxarán ao Reino Unido para medirse co Watford e co Middlesbrough, dúas formacións inglesas de Segunda División. Ademais, contarán con outros amigábeis, antes e despois, aínda por concretar por parte do club herculina.

O primeiro partido será o de Watford, na cidade do mesmo nome, o 30 de xullo (Vicarage Road, 20 horas). Este equipo do norte de Londres, subcampión da Football Association Challenge (FA) Cup en 2019, rematou en décimo cuarta posición e quedaron lonxe de regresar á Premier League. 

O segundo encontro dos branquiazuis será 2 de agosto ante o Middlesbrough (Riverside Stadium, 16 horas), tamén na cidade do mesmo nome. Os ingleses, gañadores da Copa da liga na tempada 2003-2004, chegaron a ser subcampións da Copa da UEFA. Esta tempada, este equipo estivo a piques de entrar no play-off mais de ascenso sen conseguilo.

Yeremay continúa

Unha das boas noticias que recibiu Antonio Hidalgo para conformar o equipo da vindeira tempada foi a continuidade de Yeremay Hernández. O canario asinou a súa renovación co Deportivo malia o interese de diferentes equipos, tanto da Premier inglesa como da competición estadounidense.

O xogador chegou a un acordo para reforzar o seu contrato, que se estende até xuño de 2030, con opción de ampliación por 3 tempadas adicionais.