Informan da detención de tres dos presuntos asasinos de Jimmy

Faixa de homenaxe a Jimmy

Segundo 'El Confidencial' acabarían de ser capturados pola policía en Madrid e se lles considera os autores materiais. O deportivista falecido foi enterrado en Feáns, sen presenza da actual directiva pero si de Lendoiro.

Tres persoas foron detidas hoxe en Madrid como presuntas responsábeis materiais do asasinato de Francisco José Romero, Jimmy, o seareiro do Dépor que foi atacado por neo-nazis do Atlético de Madrid, do Frente Atlético, que o golpearon con barras de ferro na cabeza -o que segundo a autopsia causoulle a morte- e logo o guindaron ao río Manzanares. 

Segundo un chío do diario web El Confidencial, tres persoas foron detidas hai máis dunha hora e serían as involucradas directamente no asasinato. Fontes da policía mantiñan desde onte que estaban identificados grazas á existencia de vídeos nos que se vía o suceso. 

Por outra parte, o cemiterio coruñés de Feáns acolleu o enterro do membro dos Riazor Blues asasinado no Manzanares. Acompañado da súa familia e amigos, unhas 200 persoas- non houbo presenza da actual directiva do Deportivo, que polo contrario mesmo decidiu pechar a bancada desa claque durante dous partidos e ameaza con prohibirlle a entrada ao estadio. Si estivo presente no enterro o anterior presidente do club, Augusto César Lendoiro. Xa o día antes, un membro da que fora a súa directiva durante 25 anos, Pachi Dopico, pasou polo tanatorio onde descansaban os restos de Jimmy, en cuxo recordo apareceron algunhas faixas pola cidade da Coruña. O enterro estivo rodeado dunha impresionantesmedidas de seguridade, con varios furgóns policiais.