Indignación no celtismo: a alcaldesa de Mos converte a presentación da nova cidade deportiva celeste nun mitin do PP

Representantes institucionais e do Celta na presentación da cidade deportiva. (Foto: Celta)
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, aproveitou o acto de presentación da nova cidade deportiva para expresar os seus desexos de que Alberto Núñez Feixoo sexa o vindeiro presidente do Goberno español.

Cidade Deportiva Afouteza foi esta quinta feira escenario do acto simbólico de colocación da primeira pedra da segunda fase do proxecto GS360, que desde agora pasa a chamarse Celta360. O evento, chamado a marcar o comezo dunha nova etapa na historia do club co inicio da nova cidade deportiva, converteuse nunha fonte de controversia debido á actitude mantida por parte de representantes do PP.

A alcaldesa de Mos (comarca de Vigo), Nidia Arévalo, converteu o acto do Celta nun mitin a prol do Partido Popular ao lembrarse "do presidente [Alberto Núñez] Feixoo". "Todos sabedes que son moi insistente e moi intensa, e teño a sorte de poder dicirvos que estes últimos tres días falei con el en persoa e por teléfono e fixo todo o posíbel para poder estar, mais non foi fácil", aseverou a rexedora.

"El envíavos unha forte aperta, por suposto, mais tamén lle gustaría tanto estar que seguro que en algún momento estará, e eu, pois vou dicir o que penso e o que me gustaría, e o que me gustaría é que dentro de dous anos cando rematemos todo isto o presidente Feixoo veña inaugurar estas instalacións como presidente do Goberno de España", manifestou Arévalo. "Queridos todos, remato dando as grazas", concluíu a súa intervención.

Estas foron as palabras de Arévalo ante deportistas de elite, diferentes autoridades, patrocinadores vencellados ao proxecto e persoal do club que non quixo perder o acto, así como ante máis de 200 celtistas que acudiron á presentación desta nova fase, mais que probabelmente non contaban cunha declaración política tan evidente por parte da rexedora popular.

O emprego da alcaldesa deste acto para promoción do líder estatal do Partido Popular enervou os ánimos de moitos e moitas seareiras do conxunto celeste, que manifestaron nas distintas redes sociais o seu enfado e indignación polo emprego das cores do Celta dunha forma partidista e que moitas consideraron fóra de lugar.

O evento

O evento comezou cunha introdución da presentadora galega Esther Estévez, quen foi a encargada de conducir unha tarde moi especial, dividida en tres momentos: pasado, presente e futuro. O recordo da orixe do club chegou da man de Juan de Castro, neto de Manuel de Castro Handicap. O presente estivo representado por deportistas de talla mundial como Rodrigo Corrales, xogador de balonmán; Teresa Portela, piragüista; María Araujo, xogadora de baloncesto; e o relevante preparador físico, Pepe Casal. O futuro foi narrado por Lara, capitá de As Celtas, e Damián, xogador do primeiro equipo celeste, ambos exemplos perfectos de como a canteira e o traballo abren camiños reais cara á elite e do tanxíbel que é pasar da bancada ao campo.

Tras este bloque, Esther deu paso a Carlos Cao, director de infraestruturas do club; Marco Garcés, director de fútbol; e Claudio Giráldez, adestrador do primeiro equipo, para falar sobre a competitividade do Celta, sobre o seu futuro e a mellora deste en canto a instalacións e tamén na parte profesional e persoal de todos e todas os e as futbolistas.

"Hoxe iniciamos esta segunda fase de Celta360 e facémolo cunha mestura de emoción, ilusión e, sobre todo, de orgullo… Estamos ilusionados e preparados para afrontar o que este proxecto representa para o club e para o deporte galego… Celta360 reforzará esa conexión coa comunidade, porque agora si, con esta segunda fase, será un lugar aberto para todos os celtistas e para toda a comunidade", afirmou Marián Mouriño.

A presidenta do club tamén quixo facer referencia ao que significa este proxecto para o Celta, recollendo no seu discurso cada punto dos anteriormente mencionados e destacando que a creación da nova Cidade Deportiva Afouteza foi posíbel grazas ao apoio do persoal, dos patrocinadores, da Comunidade de Montes de Pereiras, do celtismo e das institucións, que tamén tiveron o seu momento. 

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, asegurou que "entre todos conseguímolos… Grazas por confiar en Mos e en min… Este será un legado para os nosos fillos e para os nosos netos"; algo que revalidou Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galiza, que bautizou este proxecto como "unha aventura para todo o mundo… Imos xuntos no mesmo barco… Este é o futuro do Celta, pero tamén do deporte na Galiza… Isto transcende o fútbol… Isto non é máis que o principio". O ramo púxoo o escritor Defreds, cun emotivo texto que deu paso ao cóctel de feche.