Ilaix súmase á enfermaría canda Vecino e Román e o medio campo do Celta fica sen efectivos nun tramo clave da tempada
O RC Celta recibe este domingo en Balaídos o Deportivo Alavés (16.15 horas) na xornada 29 de Liga, un partido no que os celestes queren prologar o seu estado de euforia cun triunfo que os afianzaría nas posicións europeas que permitiría o conxunto vigués ser un serio candidato na loita por xogar a Champions League a próxima tempada.
O Real Betis, o outro equipo da Liga que compite na Europa League canda o Celta, continúa sendo o principal favorito para facerse coa quinta praza que, a día de hoxe, daría acceso á próxima Champions. Con todo, ao arranque da xornada, só avantaxa en tres puntos ao conxunto vigués, que cunha vitoria poría presión sobre os de Sevilla.
Así, en Balaídos, o Celta buscará celebrar o pase aos cuartos de final da Europa League coa súa afección cun triunfo ante o Deportivo Alavés que manteña o equipo vivo na loita pola quinta praza. Non o terá fácil o equipo de Claudio Giráldez, que vén de facer un esforzo importante entre semana en Lyon, que recibe un conxunto babazorro necesitado de triunfos e que vén de puntuar na pasada xornada ante o Vilarreal (1-1).
O conxunto vigués quere reencontrarse co triunfo en Liga despois de dúas xornadas seguidas sen gañar. Porén, o empate na Cartuxa fronte ao Real Betis foi un resultado positivo, xa que impediron que os andaluces puxesen terra polo medio aproveitando o factor campo. Agora, o Celta debe confirmar que é merecedor desa quinta praza sumando tres puntos en casa.
Dúbidas de cara ao futuro
E terao que facer con moitas complicacións no medio campo, coa ausencia do sancionado Ilaix Moriba, que, con todo, tampouco ía poder estar unha vez que este sábado unha vez se coñeceu o seu parte de lesión, que indica que padece unha tendinopatía no rotuliano do xeonllo dereito, o que lle causará unha dor progresiva durante os próximos días, cando se espera que se coñeza en máis detalle o seu tempo de baixa.
Unha baixa que se suma á de Matías Vecino, que caeu do equipo un día antes. A flamante fichaxe estará entre dúas e tres semanas de baixa a causa dunha rotura fibrilar miofascial no soleo esquerdo. Tamén continúa en evolución Miguel Román, quen tivo que pasar por cirurxía e estará entre dous e tres meses sen xogar. Todos estes contratempos chegan nun centro do campo baixo mínimos, polo que Claudio Giráldez terá ser imaxinativo no 11 contra o Alavés ou tirar de canteiráns como Antañón e Burcio.
Alén diso, o tempo de baixa de Ilaix marcará o futuro dunha medular celeste que agora mesmo enfronta o camiño da incerteza non só este domingo, senón tamén á volta do parón ligueiro. Neste sentido, os vindeiros encontros do equipo tras o do Alavés será o 5 de abril ante o Valencia, polo que Giráldez agarda que Moriba poida estar de volta nese horizonte. Agora toca ver que di a enfermaría.
O Alavés chega con novo adestrador
Pola súa parte, o Deportivo Alavés buscará este domingo a primeira vitoria ás ordes dun novo adestrador, Quique Sánchez Flores. Os vascos chegan inmersos nunha dinámica moi negativa tras sete xornadas sen gañar que os colocou ao bordo do precipicio do descenso. Así, só lles vale a vitoria, un resultado que non conseguen en Vigo desde o ano 2018 e para o que non poderán contar coa axuda do defensa marroquí Yusi, sancionado.