A idade de ouro do libro de fútbol en galego

Coa chegada do verán, terrazas ou praias tornan en lugares perfectos para a lectura. (Foto: Nós Diario).
Despois de moito tempo marxinado dos estantes, o fútbol transcendeu definitivamente os límites dos xornais, as radios, as televisións e as videoconsolas para penetrar con forza no mundo editorial galego, xa sexa en forma de novela, de ensaio, de colección de relatos ou de banda deseñada.

Van chegando á súa fin as principais ligas futbolísticas, deixando orfa de competición uns seareiros e seareiras que neste verán nin sequera terán o tradicional consolo dun Mundial, unha Eurocopa ou uns Xogos Olímpicos.

Mais, e reformulando a inmortal frase de Rick Blaine en Casablanca, "sempre teremos os libros", que co galego como lingua e o deporte rei como leitmotiv están vivindo unha auténtica idade de ouro.

Xa sexan ensaios, relatos curtos, novelas ou bandas deseñadas, desde os principais selos editorial do país a firmas independentes lanzáronse de cheo a un eido até non moito proscrito a causa deses prexuízos que non poucas veces separan artificialmente deporte e cultura.

Galaxia opta polo deporte nunha colección exclusiva

A comezos de mes saíu do prelo Manuel de Castro, Handicap: Crónica dunha paixón, unha biografía asinada por Adrián Estévez Iglesias que percorre a polifacética e controvertida figura do fundador do Real Club Celta de Vigo neste ano do centenario da entidade.

Este lanzamento foi o primeiro no marco da colección O noso deporte, coa que o selo pretende "achegarlle ao público galego, cun evidente afán divulgativo, as vidas, fitos e temas relacionados co deporte". O segundo volume da liña será De Irene a Vero Boquete, unha proposta que estuda o fenómeno futbolístico feminino.

Ademais, e xa fóra dos marcos de O noso deporte, Galaxia tamén vén de publicar O libro do fútbol, no que un dream team de once autores diferentes se aproximan "á única relixión que non ten ateos", como dicía  o desaparecido Eduardo Galeano".

'A Pioneira', a aposta de Xerais co fútbol como fío

Edicións Xerais edita e distribúe en todo país a partir do próximo 8 de xuño a primeira novela do xornalista de Nós Diario Héctor Pena, que leva por título A Pioneira e que está incluída na colección Fóra de xogo.

De Ester, a súa protagonista, din que é unha "marimacho". Tamén lle chaman "muller hombruna". E só porque lle gusta xogar ao fútbol. Ou, quizais, porque o seu corazón non latexa ao ritmo que ditaba a sociedade da Galiza dos anos 20 do século pasado e dos tempos da guerra civil española, época central dun percorrido de varias décadas no que o deporte da pelota exerce como fío condutor.

Irene González Basanta dá o salto á banda deseñada

Na personaxe de Ester é imposíbel non distinguir a homenaxe a Irene González, a primeira muller que practicou o fútbol na Galiza. Esquecida durante décadas, na recuperación da súa figura foi fundamental o nome de Óscar Losada, quen agora lanza, en colaboración coa ilustradora Xulia Pisón e a Universidade da Coruña, Irene, a porteira, a súa historia en formato banda deseñada.

Cristina López Villar, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, destacou para este xornal o "excelente traballo" da debuxante, así como a súa transcendencia como ferramenta "que pon en valor a actividade e o traballo das mulleres, neste caso no mundo do fútbol".

Aira percorre a 'Historia visual do Celta' no centenario

Sen saír do cómic, Aira Editorial rescata os creadores da popular Historia da Galicia Pequeniña para comprimir en 56 páxinas a Historia Visual do Celta, unha obra da que, como destaca en conversa con Nós Diario un dos seus autores, César Cequeliños, "poden gozar tanto grandes como pequenos".