A I Liga Ribeira Sacra de Billarda rematou na Estación de Manzaneda
As instalacións deportivas da Estación de Montaña do municipio de Manzaneda acolleron este pasado domingo 29 de agosto as dúas xornadas finais (cuarta e quinta) da primeira Liga Ribeira Sacra de Billarda.
A organización salientou o lugar escollido, a máis de 1.500 metros de altitude, e os beneficios da práctica deste deporte en altitude, unha das cuestións aínda por estudar no ámbito da billarda.
Iniciada a competición, na cuarta xornada gañou Pablo da Marea Verde de Manzaneda, segunda foi Sara do mesmo equipo e terceiro Xan de Lúa de Forza Sanxenxo. Na quinta xornada foi primeiro Xan de Lúa de Forza, segundo Dani de Río e terceiro Juan Carlos tamén do equipo de San Xoán de Río.
Despois de sumar os puntos das últimas xornadas o podio final da Liga Ribeira Sacra quedou con Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo como campión, subcampión foi Pablo da Marea Verde de Manzaneda e terceira clasificada Sara da Marea Verde.
Na Categoría de equipos o campión foi Marea Verde de Manzaneda e subcampión o equipo de Río.
A liga Ribeira Sacra volverá en 2022
Unha vez rematada esta, até o vindeiro verán non haberá Liga na Ribeira Sacra, mais nas Finais Galegas de Billarda do vindeiro 2022, cara o último domingo de xuño, esta Conferencia ten dereito a unhas prazas para participar.
Estas prazas son catro en categoría individual absoluta, dúas prazas en feminina, unha praza en equipos e en infantil catro prazas.
Desde a organización agradecen a colaboración dos concellos de Manzaneda, Pobra de Trives e San Xoán de Río que facilitou a realización deste remate de liga e contan con tela tamén de cara o ano vindeiro.