Hidalgo cre que o Dépor ten "talento suficiente" para lograr o ascenso

Antonio Hidalgo, esta sexta feira. (Foto: RC Deportivo)
O técnico catalán compareceu en rolda de prensa e explicou como quere aproveitar "as limitacións" do Mirandés esta fin de semana.

Na previa á visita do Real Club Deportivo ao CD Mirandés de este sábado (Mendizorrotza, 16.15 horas), ratificou esta sexta feira en rolda de prensa que o obxectivo desta tempada é o ascenso. "Cando me contratan, todo o relacionado co meu contrato e as conversas van por esa dirección", sinalou. Ademais, non tivo reparo en recoñecer que o equipo ten "talento suficiente" e agora é a súa responsabilidade "sacar o máximo rendemento dos xogadores". 

Na súa intervención, o técnico catalán salientou que pola súa maneira de traballar sempre fomenta que "os xogadores teñan unha idea principal e ir cambiando en función do que exixa o rival". Neste sentido, Hidalgo deixou claro que traballa "cada día para atopar a máxima exixencia e compromiso dos meus xogadores".

O Mirandés

Sobre o rival, o técnico branquiazul recordou que o equipo castelán "vén de dúas vitorias que lle dan tranquilidade logo dun inicio complicado". O Mirandés, en opinión de Hidalgo, "está a competir ao máximo nivel e Alfredo [Merino], o seu director deportivo, ao que coñezo perfectamente, volveu facer un gran traballo". 

Porén, o adestrador do Dépor dixo ser tamén consciente "das limitacións que poden ter [no Mirandés]" e admitiu que "é certo que os perfís dos  seus xogadores foron cambiando conforme foron chegando e ensamblando". Por iso, cara ao choque deste sábado, adiantou que quere pensar "no que pode pasar no partido para impor os nosos detalles sobre os seus nun encontro moi igualado, como todos os da categoría".

A idea do técnico catalán é ir a pola vitoria en cada xornada, tamén nesta,  para cumprir o obxectivo polo que está no club. "Isto vai de sumar todos os días e iso é o que pretendemos", concluíu.