Hennie van Schaik, nova xogadora do Durán Maquinaria Ensino

Hennie van Schaik. (Foto: FIBA)
A nova fichaxe procede do San José State Spartans.

O Durán Maquinaria Ensino sumou esta terza feira unha nova fichaxe ao equipo que está a preparar  Suso Garrido. Trátase de Hennie van Schaik, unha neerlandesa procedente do San José State Spartans (SJSS) de 1,92 metros que xoga de á-pivot.

Na súa primeira tempada no equipo californiano, Van Schaik xogou en 23 partidos a campaña pasada. Daquela, anotou unha media de 12,5 puntos por partido, 8,5 rebotes e 1,5 tapóns. Estabeleceu o máximo da súa carreira en asistencias na tempada con 31 e liderou o equipo en tapóns con 14. Ademais foi xogadora da semana o 17 de novembro de 2024 por anotar máis de dez puntos contra CSUN e contra o Kennesaw State o 21 de novembro dese ano.

Con anterioridade pasou por outros equipos, como o Big West (California), a Atlantic Coast (Louisville) e a Mountain West (San José). Internacional xuvenil por Países Baixos, entre as súas características está a combinación de físico, capacidade de rebote, de anotación e de efectuar bloqueos. 

No último mes o equipo lugués comezou por substituír ao seu adestrador, Antonio Pernas, despois de que este marchase ao Estudiantes. O novo técnico escollido foi Suso Garrido. O ourensán desde maio xa comezou a armar o seu propio vestiario. Antonte mesmo o club anunciaba a incorporación da valenciana Elba Garfella, procedente do Celta Baloncesto. Días antes, a entidade que preside Manuel Durán Ónega xa anunciara a saída da luguesa Esther Castedo e as incorporacións da maliana Maimouna Haidara, da catalá Nhug Bosch, da valenciana Alicia Florez, da estadounidense Imani Tate e da canadense Jessica Fequiere.

Garrido tentará buscar mellorar a situación na clasificación da tempada pasada na que o equipo lugués rematou no posto 12 ao remate da mesma.