Guitiriz acelera coa paixón polos clásicos no XXI Rally Rías Altas
O municipio chairego acolleu a proba, con 140 quilómetros de percorrido e equipos chegados de toda Galiza. A cita remata cunha cea de confraternidade no balneario local.
Guitiriz converteuse este sábado no epicentro do automobilismo clásico galego coa celebración do XXI Rally Rías Altas Clásico, que reuniu perto de trinta vehículos históricos nun percorrido de 140 quilómetros.
A competición foi organizada polo Concello de Guitiriz, o Moto Club Coruña–Escudería Centollo e o Iberik Gran Balneario de Guitiriz, entidades que colaboraron para consolidar un evento xa clásico no calendario deportivo da comarca chairega.
A proba comezou ás 16 horas na praza do Campo da Feira e percorreu tamén os concellos de Outeiro de Rei, Begonte, Friol e Lugo, antes de regresar a Guitiriz. A meta situouse no propio Balneario Iberik, que acolle unha cea de confraternidade entre participantes, representantes institucionais e membros da organización.
Durante a mañá, os competidores participaron nun campionato en simulador, instalado na mesma praza do Campo da Feira, que tamén puido ser utilizado pola veciñanza ao longo da tarde, ofrecendo unha experiencia próxima á condución real dos pilotos.