A guía do Mundial de Qatar: Grupo 'H'
Cristiano Ronaldo é practicamente un deus en Portugal, onde con excepcións dalgúns nostálxicos de Eusébio practicamente de forma unánime se lle recoñece como o mellor futbolista luso de todos os tempos. Pero Cristiano quere máis, quere ser tamén o Mellor, con maiúsculas, e para iso nin os seus cinco Balóns de Ouro nin os seus máis de 800 goles significan nada se non van acompañados dunha Copa do Mundo.
Aos seus 37 anos, e en plena guerra co seu actual club, o Manchester United, o dianteiro encara a súa quinta participación nun Mundial sen outra meta que o triunfo final, obxectivo para o que contará co apoio dos talentosos Bernardo Silva, Bruno Fernandes ou João Félix. Xuntos configuran unha parcela ofensiva temíbel que contrasta coa fraxilidade dunha defensa de feble estrutura.
O astro portugués de 37 anos precisa do Mundial para reivindicarse como o máis grande da historia
A súa principal competencia para facerse co primeiro posto do grupo será un Uruguai en plena transición, onde conviven vellas figuras de talle mundial como Luís Suárez (35) e Edinson Cavani (35) con novas perlas como o goleador Darwin Núñez (23) e o incansable Federico Valverde (24).
De como consiga combinar ambas correntes o seleccionador Diego Alonso dependerán xa non só as súas opcións de ser primeiros, senón de lograr a clasificación para os oitavos de final, pois tanto Ghana como Corea do Sur son equipos que non deben ser menosprezados.
O grupo está inzado de estrelas como João Félix, Iñaki Williams, Darwin Núñez ou Thomas Partey.
O asiático afrontará en Qatar o seu oitavo Mundial consecutivo, e liderado por un Son Heung-Min que loita contra o reloxo para recuperarse dunha lesión no ollo esquerdo pretende alcanzar unha meta que tamén cobiza a perigosa selección ghanesa, 'reforzada' a última hora co astro do Athletic de Bilbao Iñaki Williams.