A PREVIA | O Guardés visita Donostia coa idea de quitar a espiña ante o Bera Bera
O Atlético Guardés volve esta cuarta feira á competición ante o Bera Bera (Pavillón José Antonio Gasca, 20 horas) para recuperar o encontro aprazado da vixésima xornada. O equipo donostiarra é o único ao que as galegas non lograron gañar nesta Liga Guerreiras, e poder facelo sería o mellor xute de confianza posíbel de cara ao play-off polo título do mes de maio.
Nestes últimos partidos de fase regular, gañar segue a ser o obxectivo do líder da categoría, aínda que tratará de facelo buscando o equilibrio cun vestiario que se atopa baixo mínimos. Cecilia Cacheda continúa descansando das pistas e tampouco xogará, e o máis probábel é que este sexa tamén o caso de Jazmín Mendoza unha xornada máis. A elas únese ademais María Palomo, en repouso por molestias no xeonllo.
Partido difícil
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, confirmou que será "unha viaxe difícil, pero imos traballar duro e tomarnos este partido coa mesma seriedade que os demais”. Para a responsábel do corpo técnico miñoto, o equipo donostiarra está "cheo de xogadoras de calidade que nos van causar moitos problemas", como xa o fixeron noutras ocasións.
A preparadora non esquece as dificultades que enfrontará o seu equipo, coma un plantel curto, o 'efecto cancha' ou a maior necesidade de puntuar do seu rival. Porén, insistiu unha vez máis que o obxectivo é "traballar para facilitarnos un pouco o noso xogo e tentar pelexar e competir como temos pelexado e competido até agora".
Pola súa parte, o Bera Bera acudirá á cita con moita máis necesidade. O equipo donostiarra, terceiro clasificado na liga Guerreiras, teno difícil para asaltar a segunda praza, que ostenta un Málaga con catro puntos de vantaxe e que lle ten gañado o goal average.