Rally

Grave accidente de Diego Vallejo no Dakar

O copiloto galego saíu ileso, pero o seu compañeiro foi evacuado. (Foto: Rodrigo Barreto)
O buggy envorcou ao encarar unhas ondulacións no terreo que non estaban indicadas na ruta.

O copiloto galego Diego Vallejo, quen expresaba a pasada semana nunha entrevista concedida a Nós Diario a súa ilusión por correr o seu sétimo Rally Dakar, que arrancou o pasado día 31 de decembro en Arabia Saudita, non puido ter peor comezo de carreira.

Tanto el como o seu compañeiro, o piloto Óscar Fuertes, sufriron un espectacular accidente, rematando co seu vehículo voando polos aires, pois o buggy envorcou ao encarar unhas ondulacións no terreo que non estaban indicadas na ruta.

Afortunadamente, Vallejo non sufriu ningunha consecuencia física, permanecendo no lugar do accidente para alertar os demais competidores do perigo.

Porén, Óscar Fuertes tivo que ser evacuado en helicóptero até un centro médico para avaliar unhas dores nas costas, pero xa está no campamento base.