É Gómez Noya o mellor deportista galego de todos os tempos?
O ferrolán gaña tamén o Mundial de media triatlón unha semana despois de conseguir o absoluto, que foi o cuarto, e amplía unha lenda case única no deporte galego.
Dous mundiais nunha semana. Javier Gómez Noya conseguiu este domingo en Canadá o título mundial de medio triatlón despois de que sete días antes se fixese co absoluto, que era o cuarto do seu palmarés. Amplía así a súa lenda o ferrolán, que ten xa no seu poder o oficioso título de mellor deportista galego de todos os tempos.
Só o 0uro nuns Xogos se lle resiste a Gómez Noya, que obtivo a prata en Londres 2012 pero só puido ser cuarto catro anos antes, cando os problemas físicos lle xogaron unha mala pasada na recta final. Pero ten catro mundiais, tamén títulos europeos e estatais.
Só David Cal e se cadra Luis Suárez poden discutirlle a Noya a consideración de mellor deportista galego de sempre
E nunha disciplina completa e durísima. E logo de superar a prohibición médica que lle impediu competir durante un tempo e que combateu con toda a forza até recuperar a licenza. Adestra en Pontevedra. E aínda lle queda carreira por diante.
En realidade, só David Cal -padexeiro con catro medallas olímpicas- e se cadra o futbolista Luis Suárez -Balón de Ouro -o único xogador do Estado español en conseguilo-, campión de Europa- poden discutirlle esa consideración de mellor deportista galego de todos os tempos a Gómez Noya; sobre todo o primeiro, se ben tamén é certo que a carreira de Cal é menos constante -centrada nos Xogos- e que a súa figura esperta moitas menos simpatías, entre outras cousas polo seu evidente vencello e utilización por parte do PP.