Gilsanz amósase "orgulloso" de adestrar agora o Dépor
Despois do anuncio do Dépor da continuidade de Óscar Gilsanz á fronte do equipo branquiazul até fin de tempada, esta cuarta feira o club quixo formalizar ante os medios a decisión, explicala e dar voz ao betanceiro para que mostre como se sente. En rolda de prensa e por parte da entidade que preside Juan Carlos Escotet exerceu de anfitrión o seu director deportivo, Fernando Soriano.
O aragonés explicou que tiveron en conta que “cando planificamos un persoal, unha tempada, sabemos que os adestradores de Fabril e División de Honra teñen que estar preparados para, nun momento determinado, afrontar unha experiencia como a que enfronta agora Óscar, porque están moi perto diso”.
Ademais, recoñeceu que “queriamos tomar a mellor decisión, barallamos diferentes opcións e, entre elas, por suposto vimos a Óscar traballar no día a día”. Despois do resultado da súa estrea esta pasada fin de semana na súa visita ao Cartaxena (1-5). “Óscar é o adecuado”, concluíu.
"Soño e orgullo"
Na súa intervención, Óscar Gilsanz cualificou a súa situación actual como responsábel do vestiario do Dépor como a dun "soño e un orgullo”. O técnico branquiazul afirmou estar “moi orgulloso de ser adestrador, galego, de Betanzos, de ser deportivista, de pasar polos equipos polos que pasei e de vir de onde veño” ao que engadiu que “sobre todo moi orgulloso de estar onde estou, de representar un pouco o camiño que se pode seguir cos grandes profesionais que hai aquí na casa, en Abegondo e que somos capaces sobre todo de espertar a confianza da xente para levar neste caso o primeiro equipo".
Entre os obxectivos que se pon por diante Gilsanz nesta nova andaina está o día a día, ser capaces de ver un equipo recoñecíbel, un equipo con confianza, cunha fortaleza mental moi grande, aproveitarnos sobre todo do colectivo”.
Sobre o corpo técnico que lle acompañará, o adestrador engadiu, ademais de David Lagar que foi o seu segundo no Fabril, a Antonio Méndez, como analista. En relación a este último salientou “a experiencia que ten nesta situación, como adestrador asistente, como segundo adestrador e esas dúas peticións foron persoais pola miña banda para o club e accederon sen ningún problema".