O gaélico retoma a competición con dúas novas incorporacións na liga feminina

Alba, xogadora do Auriense, co balón na pasada xornada. (Foto: Auriense FG )
O gaélico retoma a competición con dúas novas incorporacións na liga feminina

A nova tempada de fútbol gaélico na Galiza comezou a fin de semana pasada. Cun número de equipos maior ao do ano pasado, Keltoi e Estrela Vermella defenderán o título nas categorías masculina e feminina.

O curso 2025/2026 de fútbol gaélico arrincou a recente fin de semana. O cadro masculino está integrado por nove equipos. Destes, dous son picheleiros, o Estrela Vermelha e o seu filial o Estrela Gaels; un da Coruña como é Fillos de Breogán; outro de Ourense, o Auriense; dous de Vigo, Keltoi e Keltoi Estibadores (filial do anterior); compite tamén Lorchos, de Boiro; un de Poio, o Lume de Beltane, e, por último, o Turonia de Gondomar.

Estes nove equipos son os mesmos que xa estaban na liga o ano pasado e disputarán unha competición cun formato de dúas fases. Terá lugar unha primeira rolda onde todos xogarán contra todos a unha volta para logo conformar dous grupos segundo a clasificación vixente no momento. Por un lado irán os catro primeiros clasificados que pelexarán polo título de Liga, mentres os cinco restantes xogarán para facerse co título shield. Cada fase é independente da anterior e no segundo tramo da temporada si que se disputarán partidos a ida e volta.

A primeira xornada saldouse con vitorias de Keltoi Estibadores sobre Lume Beltane (23, 3-14 a 4, 0-04), de Fillos de Breogán ante Lorchos (40, 7-19 a 10, 1-07) e do Estrela Vermelha fronte ao Turonia (30, 2-24 a 16, 2-10). O único partido que non se puido disputar foi o Keltoi ante o Auriense, que resultou adiado sen data aínda estabelecida para que se xogue.

Para a segunda quenda terán lugar tres enfrontamentos esta fin de semana. O sábado Auriense acollerá  Keltoi Estibadores no campo da Universidade ás 12 horas e, para o domingo, Fillos de Breogán recibirá a visita de Keltoi no campo Arsenio Iglesias ás 15:30 horas, mentres que Estrela Gaels se enfrontará a Turonia en Chaián ás 17 horas.

Mateo Fernández, xogador do Estrela Vermelha, comenta que se ben a idea principal segue sendo a de gozar da competición, os seus obxectivos deportivos pasan por competir ao máximo para saír campións. Cómpre lembrar que no curso pasado Keltoi foi o dominador da competición e que, para este ano, Fillos de Breogán e Estrela Vermelha postúlanse como os principais favoritos para evitar que os de Vigo revaliden o título.

No cadro feminino a competición estará composta por dous equipos máis dos que participaban o ano pasado: o filial de Fillas de Breogán, Ártabras, e Lorchas de Boiro. Súmanse así aos outros seis conxuntos que son: Auriense (Ourense), Estrela Vermelha (Compostela), Fillas de Breogán (A Coruña), Grovias (A Guarda), Lavandeiras de San Simón (Vigo) e Turonia (Gondomar). Neste caso, o formato de competición si que será o habitual, cunha liga a ida e volta entre todos os conxuntos.

Os equipos de fútbol gaélico que participan nas ligas masculina e feminina. (Foto: Nós Diario)

A primeira xornada no cadro feminino saldouse con vitoria do Estrela Vermelha, actual defensor do título, fronte ao Turonia, por 34, 6-16 a 21, 4-09. Tamén venceu Grovias a Lavandeiras por 37, 9-10 a 6, 1-03, mentres que Fillas de Breogán gañou a Lorchas por 37, 4-25 a 0, 0-00.

Para a segunda xornada, esta mesma fin de semana, disputaranse os seguintes encontros: Lavandeiras ante Estrela Vermelha o sábado ás 10:30 horas no ETEA, Auriense ante Grovias ás 13:30 horas no campo da Universidade de Ourense e, para o domingo, as Fillas de Breogán recibirán ás Ártabras, o seu equipo filial, no Arsenio Iglesias.

Un dos puntos máis salientables da nova configuración dos equipos é que se mantén a ausencia dun equipo da provincia de Lugo tanto na sección masculina como na feminina. Mateo Fernández, xogador do Estrela Vermelha, procedente de Xove, entende a gran dificultade que existe para levar adiante un conxunto na provincia: "En Lugo é complicado. Co da selección galega e as gaélico-escolas si que se move algo, mais a nivel feminino e masculino agora non hai nada na nosa categoría. Se tes que ir a xogar a Vigo ou a Gondomar, eu que son da Mariña, estás a tres horas da casa. Se quero seguir no deporte agora mesmo a única opción que teño é Santiago".

Mateo quere destacar a función das gaélico-escolas que están a estimular o crecemento do deporte, xa non só en Lugo senón por toda Galiza. Para el, o gaélico atopa unha dificultade en competir con outros deportes máis populares que enchen a axenda das fins de semana das familias.

Non obstante, o traballo está dando os seus froitos. Por exemplo, no seu caso xa teñen varios xogadores que están en dinámica de adestramentos e proveñen desta clase de iniciativas. Polo de agora, aínda que a tendencia en canto ao crecemento do deporte sexa positiva, non se dan as condicións necesarias para acoller a un equipo de fútbol gaélico na provincia de Lugo, explica o integrante do Estrela Vermelha.

Un dos puntos marcados no calendario para Mateo Fernádez e para todo o Estrela Vermelha é o Paneuropeo que xogarán en Masstrich (Países Baixos) a vindeira fin de semana do 18 e 19 de outubro. Con respecto á Copa Galega, aínda non houbo ningún anuncio oficial. O ano pasado, foi emprazada no mes de abril.