Os futbolistas de Primeira División farán un paro simbólico nesta xornada de liga: Este é o motivo

Xogadores do Celta o 5 de outubro no encontro fronte ao Atlético de Madrid. (Foto: LaLiga)

A Asociación de Futbolistas Españois convoca unha parada de 15 segundos ao inicio dos partidos para denunciar a falta de diálogo e transparencia da patronal que preside Javier Tebas.

Os futbolistas da Primeira División acordaron realizar esta fin de semana un paro simbólico de arredor de 15 segundos ao comezo de cada encontro como mostra de protesta pola intención de LaLiga de disputar o partido Vilarreal-Barcelona, previsto para o 20 de decembro, en Miami. A decisión foi anunciada pola Asociación de Futbolistas Españois (AFE) poucas horas antes do inicio da novena xornada de liga.

O sindicato denunciou a "falta de transparencia, diálogo e coherencia" por parte da patronal e fixo un chamamento a todos os equipos para secundar a medida. O primeiro xesto de protesta debería verse no Uviéu-Espanyol, que se disputa esta sexta feira ás 21 horas en El Tartiere. Na Galiza poderíase ver esta protesta no encontro entre Celta e Real Sociedade, o domingo ás 16.15 horas en Balaídos. A AFE solicitou aos capitáns do Vilarreal e do Barcelona que non participen da iniciativa "para evitar que sexa interpretada como unha medida de presión directa sobre os dous clubs implicados".

A protesta chega tras unha semana de máxima tensión entre AFE e LaLiga, logo de que se fixese pública a intención de levar o encontro entre o equipo groguet e o Barça aos EUA. O sindicato solicitou información detallada sobre o acordo, mais asegura que non recibiu resposta. A reunión prevista para a pasada terza feira entre os capitáns e o presidente de LaLiga, Javier Tebas, non chegou a ter lugar: o dirixente non asistiu e propuxo novas datas (22, 23 e 24 de outubro), rexeitadas polos xogadores por coincidir con competicións europeas e coa preparación da seguinte xornada de liga.

Os futbolistas non só reclaman agora transparencia, senón que demandan a creación dunha mesa de negociación formal na que se debata se é conveniente ou non disputar o partido en Miami. Varios capitáns confirmaron que nas últimas horas recibiron chamadas de representantes de LaLiga, mais todos remitiron as comunicacións ao presidente da AFE, David Aganzo.

Aínda que a patronal defende que o encontro no estranxeiro serviría para "promocionar globalmente o fútbol estatal", os xogadores consideran que unha decisión destas dimensións require consenso, xa que afecta a integridade da competición e as condicións laborais dos profesionais. A protesta desta fin de semana, breve pero cargada de simbolismo, representa a primeira resposta colectiva ante o proxecto de internacionalización impulsado por Tebas.