O Friburgo esnaquiza un Celta ao que lle toca concentrarse en acabar ben a Liga

Ao acabar o partido, os xogadores do Celta agradeceron o apoio da bancada celeste. (Foto: Elvira Branco)
Cando a eliminatoria se encamiñaba cara a un set en branco, na última xogada do partido, Swedberg anotou o tanto da honra para o Celta e o marcador finalizou cun 1-3. O Friburgo foi claramente superior durante os 180 minutos de enfrontamento e ao equipo galego só lle queda concentrarse na Liga. Seis goles dos alemáns por un dos galegos durante a eliminatoria deixan fóra o Celta da Europa League.

Balaídos cheo até a bandeira e un Celta que saía ao campo nos primeiros minutos con intensidade e con intención de presionar arriba daban á bancada a esperanza de que se consumase a milagre. Foron os alemáns do Friburgo os que chegaron primeiro á área celtista cun saque desde a esquina, mais rapidamente contestou Fer López cunha boa xogada no minuto catro a través da que deixou un bo balón a Jutglà. Mais a zaga xermana paraba o perigo.

Con todo, durante os primeiros 15 minutos do xogo, os dous equipos foron quen de conter ben os intentos de ataque do rival, polo que os porteiros non estaban tendo traballo, algo que non auguraba nada bo para un Celta que precisaba remontar os tres goles da ida. No 16 foi quen Jutglà de xerar perigo unha vez máis, pero quitábanlle o balón cando intentaba dirixirse coa pelota xogada cara á área alemá.

Mais se de algo estaba sufrindo o Celta durante as últimas semanas era de pouca seguridade atrás e, ademais, o conxunto vigués demostrou esta tempada a súa capacidade goleadora. Sen xerar perigo, de cara ao minuto 20, cada vez o equipo galego achegábase máis ao metros finais. E a bancada seguía crendo.

E así se chegaba á media hora de partido, cuns equipos que non lograban ter boas ocasións nunha tendencia máis favorábel aos intereses do Friburgo. E neste contexto chegaba a primeira opción clara, para os alemáns, e que ademais acababa en gol.

Así, todo se complicaba máis para o Celta cando, no minuto 31, Makengo lanzaba un incríbel desmarque que lle permitía cabecear desde a área o balón atrás para un Matanovic que conectaba desde o balcón unha volea prodixiosa que se colaba pola escuadra de Radú. Con este auténtico golazo, xa eran catro os tantos que precisaba o conxunto galego para, cando menos, conseguir forzar unha prórroga.

Víñase abaixo o Celta contra un Friburgo que funcionaba como un reloxo, e apenas uns minutos despois, no 39, Suzuki remataba de primeiras un balón lateral desde o interior da área. Segundo gol alemán da tarde, e a xesta de pasar á próxima rolda xa era case imposíbel para os galegos.

Os nervios medraban no Celta, algo que se traduciu no primeiro cartón amarelo, totalmente innecesario, no minuto 44 para Ilaix. Tres minutos máis daba o árbitro británico, e os galegos conseguían forzar un saque de esquina, mais nada conseguían. No 48, xusto coincidindo co asubío final do colexiado, Atubolu, o porteiro xermano, agarraba comodamente o balón logo dunha pelota sen perigo. Era a primeira vez que o tocaba coas súas mans.

Catro cambios no descanso

Intentaba Giráldez revolucionar o partido no intermedio introducindo catro cambios. Entraban Aspas, Swedberg, Carreira e El-Abdellaoui no campo; del saían Borja Iglesias, Javi Rueda, Ilaix e Yoel Lago. Tíñaa outra vez o de sempre, Jutglà, nada máis volver comezar o xogo, mais a zaga volvía repeler o intento. Pouco despois, novo cartón amarelo para o Celta, desta vez recibía Iago Aspas a amoestación.

E no 50 volvía golpear o Friburgo. Xogada individual dun Manzambi que se foi de todos até chegar a área pequena viguesa e, tras unha serie de rexeites descontrolados dunha defensa galega que volvía ás andadas, o nipón Suzuki empurraba o balón ao fondo das redes para conseguir o seu segundo gol da noite, o terceiro do partido para os alemáns, o sexto na eliminatoria, por ningún dun Celta que ficaba xa fulminado.

Neste contexto, no minuto 50, o Friburgo xa se permitía comerzar a economizar esforzos de cara ao resto da tempada, entraban Höler e Scherhant por Matanovic e Grifo. No 55 chegaba o primeiro remate claro do Celta, a falta botada por Aspas marchaba fóra.

Dous minutos máis tarde o pau e Radú salvaban o Celta dunha derrota aínda máis dolorosa. O tiro cruzado de Scherhan daba na madeira e, en segunda xogada, o porteiro romanés conseguía rexeitar o gol que pretendía Höler. Introducía Giráldez a quinta substitución no minuto 63, entraba Hugo Álvarez por Vecino.

Houbo que agardar até o 65 para ver a primeira grande ocasión do Celta. Fer López recibía un balón no balcón da área e lanzaba un potente tiro que marchaba por pouco da portaría alemá. Encadeaba os seus mellores minutos o conxunto galego e, no 68, El-Abdellaoui recibía un excelente balón con profundidade que lle permitía realizar o primeiro remate entre os tres paus do equipo, mais Atubolu rexeitaba.

No 72, Jones repetía escena, mais o porteiro do Friburgo tamén facía o propio. Xa rozando o 75, Marcos Alonso intentábao cunha potente volea que, con todo, marchaba moi lonxe da portaría xermana. A seguinte era para Swedberg no 79, mais o seu disparo desde unha posición clara ía cara á bancada. E a mellor desta sucesión de ataques foi para o máis destacado dos celestes, a cabezada de Jutglà no 82 estrelábase contra a madeira.

 E xusto no minuto 90 chegaba o gol da honra para os galegos, Swedberg aproveitaba un balón en profundidade para cruzar o coiro ao fondo das redes xermanas. O Celta despedíase cun amargo tanto da Europa League, e agora tócalle reporse para volver ao mellor nivel e xogar competición europea o próximo ano.

Betis e Raio, claves no soño da Champions o próximo ano

Xogar a Champions é o soño celtista para a próxima tempada, e iso pasa polo que fagan dous equipos, o Betis e o Raio. Ademais da loita entre un equipo da Liga, o Atlético de Madrid, e o alemán Bayern de Munich, por ver quen o fai mellor nesta Champions, o resultado dos sevillanos en Europa League e dos vallecanos en Conference será clave para que unha quinta praza do Celta en competición ligueira poida traducirse en culminar esta esperanza. A diferenza entre o coeficiente alemán e o da Liga por conseguir meter cinco equipos en Champions é agora mesmo ínfimo, polo que calquera diferenza nas eliminatorias pode decantar a sorte dun lado ou do outro.

Tamén Mainz 05

Bayern en Champions, Friburgo en Europa League e Mainz 05 en Conference, eses son os equipos alemáns dos que tamén dependen as opcións do Celta de poder xogar a máxima competición europea. Mais o principal que ten facer agora o equipo de Giráldez é recobrar a confianza e recuperar o xogo que tanto deleitou Balaídos até as últimas semanas. Sexto en Liga, a dous puntos do Betis, o conxunto galego ten opcións de optar a quinta praza se o fai ben. Mais ollo, por detrás veñen a Real Sociedad (a dous puntos) e o Xetafe (a tres). O Celta debe acabar ben a tempada para seguir sendo un equipo europeo o próximo ano.