Fran Beltrán, moi perto de saír rumbo ao Girona

Fran Beltrán, no partido de Copa do Celta ante o Sant Andreu. (AFP7 / Europa Press)
O club non iniciou conversas co xogador, que é un dos capitáns do equipo, para renovar o seu contrato.

O mercado de fichaxes non descansa neste mes de xaneiro. O que parecía que serían semanas tranquilas en Vigo están a complicarse. Tras a saída de Damián, outro centrocampista está perto de deixar o Celta proximamente, o que obrigaría o club a fichar un recambio de garantías para o que queda de tempada. Tal e como adiantou esta sexta feira a Cadena Ser, Fran Beltrán está perto de fichar polo Girona, que quere o xogador xa a pesar de que remata contrato o próximo 30 de xuño.

Poucos dubidaban de que a etapa de Beltrán en Vigo estaba perto de finalizar. O club non iniciou conversas co xogador, que é un dos capitáns do equipo, para renovar o seu contrato, o que lle permitía negociar con outros clubs a partir do 1 de xaneiro. O Girona foi o que máis interese puxo na súa contratación e xa chegou a un principio de acordo para conseguir a súa chegada, que podería ser agora se ambos os equipos alcanzasen un acordo económico.

Outras posíbeis saídas

A maiores, na Sede non descartan máis saídas nestes días. O Celta negocia con Marc Vidal unha rescisión de contrato e o Valencia mostrou interese por Aidoo, que tamén marcharía pola mesma vía. Se non cambia de equipo o ghanés, Yoel Lago podería aceptar una cesión a un club de Segunda.