FIFA e UEFA seguen a liña marcada por Trump e frean a expulsión de Israel do fútbol internacional
A sanción e expulsión de Israel das competicións deportivas internacionais non chegou nin a debaterse, malia a presión social e política. As organizacións escúdanse na proposta presentada por Donald Trump para Gaza.
A posíbel expulsión de Israel das competicións internacionais de fútbol volveu quedar aparcada esta semana tras as reunións da UEFA e da FIFA. As dúas institucións decidiron non incluír este punto nas súas axendas, amparándose no plan integral para Gaza anunciado por Donald Trump.
O debate sobre Israel xerara unha forte presión nos últimos meses, especialmente tras as protestas propalestinas durante a Volta ciclista, o anuncio da Comisión Europea de suspender acordos comerciais con Tel Aviv e a brutal ofensiva militar sobre a Faixa de Gaza. Turquía os apoios á exclusión, mais federacións como a alemá bloqueaban a medida, mentres a española evitaba pronunciarse.
Segundo fontes próximas á UEFA, o presidente, Alexander Ceferin, tentara reunir apoios para convocar o Comité Executivo e aplicar a sanción, mais atopou oposición de varias federacións de peso. Pola súa parte, a FIFA celebrou o seu Consello esta quinta feira sen introducir a cuestión da expulsión, decisión influída tamén pola proximidade do Mundial de 2026, que se xogará en EUA, México e Canadá, e pola relación persoal de Gianni Infantino, presidente da FIFA, con Trump.
Infantino adoptou a liña do Comité Olímpico Internacional, defendendo que "a FIFA non pode resolver a xeopolítica, pero si transmitir unha mensaxe de paz e unidade". Non houbo tal argumento en 2022 coa expulsión de Rusia, que se baseou na anexión de territorios ucraínos.
Mentres tanto, Amnistía Internacional enviou unha carta urxindo UEFA e FIFA a suspender a federación israelí até que exclúa os clubs con sede en asentamentos ilegais. A organización lembrou que Israel "segue perpetrando un xenocidio" en Gaza, con máis de 65.000 palestinos mortos, incluíndo centos de deportistas e funcionarios do ámbito deportivo.
O Maccabi Tel Aviv, que xoga esta quinta feira en Serbia contra o Dinamo de Zagreb, é o único club israelí en competicións europeas, concretamente a Europa League, onde xoga tamén o Celta de Vigo. Pola súa parte, a selección israelí afronta partidos de clasificación para o Mundial, como o do 11 de outubro en Oslo contra Noruega, que podería converterse nun foco de fortes protestas.
Noruega, que recoñeceu Palestina xunto ao Estado español e o irlandés o pasado maio, conta cunha importante comunidade palestina. Plataformas solidarias xa confirmaron que manterán as mobilizacións, evidenciando que, malia a pausa decretada por FIFA e UEFA, a presión social continuará medrando.