Fernando Vázquez, premio ao mellor adestrador dado polos seus compañeiros de profesión
O técnico de Castrofeito e ex seleccionador nacional galego foi distinguido co premio ao mellor técnico da Segunda División polo comité de adestradores da Federación española.
Fernando Vázquez recibiu esta terza feira o premio Ramón Cobo de mans do seleccionador español de futebol, Vicente del Bosque.
O comité de adestradores valora o traballo realizado polo adestrador galego na pasada temporada no Deportivo da Coruña, equipa á que devolveu á Primeira División.
Fernando Vázquez atravesa unha situación realmente curiosa do ponto de vista futbolístico. Foi cesado o 8 de xullo polo actual presidente do Deportivo, Tino Fernández, a escasos días de comezar a pretemporada, cuxo inicio estaba axendado para o 14. E non foi destituído por maos resultados, senón por unhas declaracións en que, nun ambiente distendido, ironizaba sobre a política de fichaxes do clube. Declaracións similares serían realizadas semanas despois polo seu sucesor no banco branco-azul Víctor Fernández.
O cesamento tróuxolle serias consecuencias ao técnico de Castrofeito que, segundo a normativa vixente, non podería adestrar nesta temporada en nengún clube profesional da liga española, ao ter sido destituído após o 30 de xuño, isto é, durante o período que a Federación considera xa como temporada 2014-2015.
O seu despedimento non foi entendido por amplos sectores da bancada deportivista, que estes días, como testemuñan as redes sociais, o botan ben de menos dada a marcha da equipa na liga, fechacancelas após sumar só 4 pontos en 7 partidos (5 derrotas, 1 victoria e 1 empate).
Ernesto Valverde, premio en Primeira División
O premio homólogo ao recibido por Fernando Vázquez pola súa campaña en Segunda División recaeu en Ernesto Valverde, actual técnico do Athletic Club, na máxima categoría do futebol español.
A distinción outorgada a Valverde ten moito a ver co feito de que o técnico vasco conseguiu levar o Athletic Club á Champions League. Paradoxalmente, o clube biscaíño ocupa neste momento, na Liga, un posto na zona do descenso, con 4 pontos, o mesmo que o Deportivo.