A Federación Ciclismo Galego dá a coñecer o calendario anual de 2025
A Federación Ciclismo Galego (FCG) mantén este ano e reforza a aposta por traballar co futuro. O organismo informou de que para este ano aumenta a cifra total de xornadas de tecnificación, campus e competicións da selección galega até achegarse aos 40 eventos. Segundo explican nun comunicado, a intención é "facilitar que clubs e ciclistas organicen a súa tempada" nas oito especialidades que abrangue este organismo: estrada, paralímpico, BTT XCO, BTT XCM, BTT enduro, BTT DH, ciclocrós e pump track.
A axenda comezou en xaneiro nas Pontes coa preparación e a disputa do Campionato estatal de ciclocrós para continuar o mes seguinte coas tres xornadas de tecnificación de BTT que terán continuidade a partir de mediados de abril cando tamén se sumen as convivencias formativas de estrada. A seguinte competición será o estatal de enduro, a primeira fin de semana de maio.
Seleccións galegas
O calendario de 2025 divídese en 14 competicións da selección, 20 xornadas de tecnificación e catro campus de verán (estrada, BTT Mini DH, BTT XCO e ciclocrós). As datas definitivas dos campamentos indican que se publicarán proximamente.
En relación á selección, os compromisos máis importantes serán os de BTT XCO júnior no Superprestixio MTB-Estella, en Nafarroa (17 a 18 de maio); Estrada cadete Volta a Salamanca, en Castela e León (6 a 7 de xuño); BTT-XCO cadete no Gran Premio Cidade do ciclismo en Castelló, no País Valencià (28 a 29 de xuño); Feminina de estrada na Volta a Portugal (22 a 24 agosto); e o de Ciclocrós cadete de Alcobendas, en Madrid (15 a 16 de novembro).