Esther Pedrosa e Borja Iglesias, Premios Santiago Deporte 2025

Pilar Lueiro e Víctor Furelos, onte en Compostela. (Foto: Nós Diario)
O Concello tamén recoñecerá, a título póstumo, José María Caneda.

O Concello de Santiago presentou esta segunda feira os VII Premios Santiago Deporte que se entregarán na súa gala o 24 de marzo.

Na cerimonia, que comezará ás 20 horas, entregaranse os galardóns das 12 categorías desta edición cos que se busca recoñecer publicamente as persoas, entidades, centros educativos e empresas que polo seu labor desenvolvido ao longo da tempada 2023-2024 ou no ano 2024 contribuíron ao fomento da práctica de actividade física e o deporte entre a poboación de Compostela. 

Os premios desta edición

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada polo xornalista e membro do xurado, Víctor Furelos, anunciaron que se recoñecerá o labor na categoría base, a Alejandra Neira Domínguez (Club Baqué) e Iván Gutiérrez (Ximnasia Rítmica Compostela). En categoría absoluta, os galardóns serán para a atleta Esther Pedrosa e o futbolista Borja Iglesias (Real Club Celta). En relación ao deporte adaptado, o premio será para Emilio Agüera (Club Santiago Inforhouse). A entidade deportiva máis destacada será o Hockey Club Raxoi, mentres que a educativa será para o colexio San José de Cluny. 

O recoñecemento ao patrocinio deportivo recae este ano en Limpezas Salgado e a ADB Fontiñas recollerá o recoñecemento como promotora da mellor actividade ou acción social polo seu traballo cos mozos de Mali e Senegal refuxiados estes meses en Compostela.  

O galardón ao adestrador máis destacado recaeu en María Fernández (club Ximnasia Rítmica Compostela), e tamén se recoñece a árbitra de baloncesto Judith Trasancos

Por último, o premio honorífico á traxectoria deportiva será para Enrique Fernández “Quico” e haberá dúas mencións especiais: a Andrés Viqueira Pérez (Club Atlético Fátima) e un recoñecemento a título póstumo a José María Caneda.