O Celta deixa tres puntos máis en casa ante un Espanyol que marcou a que tivo: o dominio non basta en fútbol, hai que metela

Manolo González e Claudio Giráldez, este domingo 30 de novembro en Balaídos. (Foto: Celta)
Morría intentándoo o Celta, con continuas internadas na área rival, mais o pito do árbitro sonou sen que os de Giráldez acertasen a meter un gol. Mala semana do Celta con dous derrotas. Persiste a racha en Balaídos, onde o conxunto vigués aínda non gañou en Liga.

Comezou ben o partido deste domingo ante o Espanyol o Celta. O conxunto vigués conseguiu ter o dominio do balón e realizou boas combinacións ante un rival que prefería agardar para saír en velocidade. O equipo celeste, por contra, apostaba pola presión alta, aínda que non conseguiu realizar accións de perigo durante o primeiro cuarto de hora.

Pouco a pouco, ambos equipos foron conseguindo chegar ás áreas rivais, mais o partido seguiu sendo das defensas, que non concedían ningún tiro a porta. E foi de penalti como case chega o primeiro disparo, no minuto 25, Calero derrubaba Borja Iglesias no interior da área.

O colexiado non pitou penalti en primeira instancia, mais foi chamado polo seu asistente no VAR e, tras consultar as cámaras, mudaba a súa decisión, mais a fóra de xogo do panda. A posición irregular do compostelán evitou a primeira oportunidade do partido cando todo indicaba que Iago Aspas podería probar desde os 11 metros.

Non chegou o gol, mais esta acción deu forzas á bancada e ao conxunto vigués. Perto da media hora de xogo, Iglesias realizaba unha magnífica acción tirando un cano a un rival e o balón acababa nun Bryan Zaragoza que, desde o bordo da área e asistido por Miguel Román, lanzaba un perigoso disparo que se marchaba moi próximo ao pao de Dmitrovic.

A medida que avanzaba a primeira parte máis claro era o dominio dos de Claudio Giráldez, que ameazaban continuamente a área do conxunto de Manolo González. Con todo, as imprecisións na última liña de pase estaban a evitar que chegase o gol.

E foi outra vez o Panda quen xerou perigo, desta vez no minuto 42 provocando unha falta nunha posición que semellaba moi boa para o disparo de Marcos Alonso, mais o tiro petou finalmente na barreira, polo que o descanso se achegaba sen ningunha intervención dos porteiros.

Pouco despois, era Iago Aspas quen metía un xenial pase en profundidade a Javi Rueda, quen xa desde dentro da área volveu caer na imprecisión, co que se desbarataba unha magnífica ocasión cando o Panda xa agardaba diante do marco para empurrar o balón. Catro minutos de engadido, mais a dinámica continuou até chegar ao intermedio.

A segunda parte continuou coa mesma dinámica que na primeira, dominio e imprecisión na última liña do Celta. Foi no minuto 50 cando chegou o primeiro disparo entre os paus do partido, chegou das botas de Iago Aspas, mais o tiro sen moita forza foi detido sen moito esforzo por Dmitrovic.

Ante o incesante dominio dos de Claudio Giráldez, o Espanyol optou por subir a súa presión. O Celta continuaba demostrando o seu podería de equipo europeo ante un Espanyol que non conseguía xogar en campo rival, mais o certo é que o control non se estaba a traducir en ocasións de perigo real.

Neste contexto, apostaba polo ataque Manolo González, entraba no 59 Kike García por Terrats, e os pericos pasaban a ter dous homes na punta. Non o vía claro Giráldez, as ocasións non chegaban e decidía introducir un dobre troco. No 68 entraban Moriba e El Abdellaoui por Javi Rueda e Iago Aspas.

Xusto despois chegaba o primeiro lanzamento entre paus do Espanyol cun cabezazo de Cabrera que provocou a primeira intervención de Radú que non tivo que facer un grande esforzo para coller o balón. E no 71 chegaba o primeiro cartón amarelo do partido, para o espanyolista Urko.

No 75 chegaba un novo troco por parte do Espanyol, desta vez obrigado. Estaba sendo Zaragoza o home máis activo do Celta, e tras irse pola banda dun defensa centrou o balón, que foi rexeitado por El Hilali. Mais o forte balón deixou mancado ao defensa, e tivo que entrar Riedel no seu lugar. Tamén saltaba ao terreo de xogo Jofre por Pere Milla e Edu Expósito por Calero.

No 78 chegaba outro dobre cambio do Celta. Saían Borja Iglesias e Beltrán, entraban Swedberg e Pablo Durán. Giráldez mostraba que non lle valía o empate ao introducir unha mudanza claramente ofensiva cando o dominio dos vigueses estaba a esmorecer. 

E cun Celta que cada vez controlaba menos o encontro e sen precisión, chegaba a efectividade do contrincante, Kike García cabeceaba un balón nun saque de esquina e, a pesar de que Radú conseguiu parar o balón, o esférico xa traspasara a liña de meta. Adiantábase o Espanyol no 87.

Ante esta mala nova, queimaba as naves Giráldez dando entrada inmediatamente a Jutglá por Miguel Román. Tíñaa desde a área pequena Starfelt antes de chegar ao 90, mais o seu cabezazo marchaba alto. E antes de que se coñecesen os cinco minutos de engadido tamén facía o seu último cambio o Espanyol, Salinas por Dolan.

Morría intentándoo o Celta, con continuas internadas na área rival, mais o pito do árbitro sonou sen que os de Giráldez acertasen a meter un gol. Mala semana do Celta con dous derrotas. Persiste a racha en Balaídos, onde o conxunto vigués aínda non gañou en Liga. O dominio non basta en fútbol, hai que metela.