O Deportivo visita un Ourense CF aínda en construción

Adestramento do Dépor en Abegondo, esta sexta feira. (Foto: RC Deportivo)

Ximo Navarro, Luis Chacón e Yeremay Hernández adestraron onte en Abegondo de maneira individual.  

.

O Real Club Deportivo da Coruña afronta hoxe a súa segunda proba de pretempada con outro amigábel galego ante o Ourense CF (O Couto, 20 horas). Para o equipo da cidade das Burgas, pola contra, será a estrea pública dun equipo en construción na súa segunda campaña en Primeira RFEF. 

A formación que dirixe Antonio Hidalgo adestrou onte, malia a festividade nacional, aínda coa resaca da goleada no Vero Boquete ao Compostela (0-5) na memoria, e voltará a facelo hoxe pola mañá antes de partir cara a Ourense. Na sesión de antonte non participaron Ximo Navarro, Luis Chacón e Yeremay Hernández, e na convocatoria en Abegondo de hoxe continuaron cunha preparación personalizada. Será a última proba dos branquiazuis antes de viaxar até Inglaterra, onde xogarán contra o Watford (30 de xullo, 20.45 horas) e mais o Middlesbrough (2 de agosto, 16 horas). 

No equipo ourensán a boa tempada anterior, cunha participación na Copa para a lembranza por chegar aos oitavos de final tras eliminar a equipos históricos como o Dépor e o Real Valladolid, vívese un momento de ilusión mais tamén de incerteza. A marcha de Pablo López, o técnico que propiciou os bos resultados, provocou unha remuda que chegou antonte da man do adestrador Dani Llácer.

Co tempo xusto para preparar este choque, o valenciano atopouse cun equipo que só conservou tres pezas –Fran Carmona, Hugo Sanz e Jerin– e introduciu doce incorporacións. Con estes vimbios, a resposta no campo é toda unha incógnita no inicio da súa pretempada. 

Terceira equipación

Coincidinco co 25 de xullo, o Deportivo quixo parabenizar a xornada cun vídeo e aproveitou para presentar a súa terceira equipación, na que salienta a presenza da bandeira da Galiza. No azul obsérvanse de novo os mosaicos que forman a Rosa dos Ventos, obra do autor coruñés Tono Correa Corredoira, como no primeiro equipamento. Para o club é "un emblema profundamente ligado á cidade da Coruña e á cultura celta".

Na camiseta, o tradicional branco do fondo substitúese por un ton óso suave con detalles dourados. Nel sitúanse os diferentes símbolos da creación de Correa que representan as nacións celtas: a vieira (Galiza), o trevo (Irlanda), o cardo (Escocia) o trisquel (Illa de Man), o dragón (Gales),  o cáliz (Cornualles) e o armiño (Bretaña). Ademais a caveira de Tarsis, ligado á figura do rei de Xerión.