O Dépor refórzase coa agardada incorporación de Riki

Riki Rodríguez. (Foto: Albacete Balompié)
O centrocampista asturiano asina até xuño de 2029.

O RC Deportivo vén de anunciar a agardada incorproación de Ricardo Rodríguez Gil-Carcedo (Oviedo, 25 de setembro de 1997), Riki, como novo xogador branquiazul. O centrocampista ofensivo asinará un contrato que o vincula co Dépor até xuño de 2029 para culminar así unha operación que se viña xestando desde hai días e na que os coruñeses pisaron o acelerador nas últimas horas do mercado de fichaxes para poder inscribir a tempo o futbolista, unha das pezas máis cobizadas do conxunto castelán-manchego nesta tempada na que alcanzou os cuartos de final da Copa do Rei após derrotar o Celta nos penaltis e posteriormente o Real Madrid por 3 goles a 2. O seguinte encontro, ante o Barcelona, disputarase hoxe mesmo, mais sen o até o de agora capitán do equipo sobre o céspede. De feito, o pasado sábado xa non gozou de minutos na vitoria do Albacete ante o Zaragoza por 2 goles a 0, nun partido no que non se moveu do banco de suplentes.

Riki chega procedente do Albacete Balompié, equipo co que na temporada 2025-26 disputou un total de 16 partidos en LaLiga Hypermotion e 2 encontros na Copa do Rei. Formado nas categorías inferiores do Real Oviedo, o futbolista asturiano desenvolveu posteriormente a súa carreira no Real Racing Club, o Burgos CF e o propio Albacete.

Ao longo da súa traxectoria acumulou 153 partidos en LaLiga Hypermotion, cun balance de dous goles e sete asistencias. Ademais, disputou dous encontros na fase de ascenso a LaLiga EA Sports e 11 partidos da Copa do Rei, competición na que asinou 1 gol e 1 asistencia. Naquela fase de ascenso á máxima categoría, no curso 2022-23, o Albacete caeu nas semifinais ante o Levante por un global de 6 a 1 e Riki disputou os 180 minutos. E na tempada anterior logrou o ascenso a Segunda nun play-off en cuxa final os manchegos tiveron que medirse, precisamente, co Deportivo en Riazor, gañando finalmente por 1 a 2.

Dáse agora a casualidade de que Riki Rodríguez podería disputar os seus primeiros minutos coa camiseta branquiazul e na súa nova casa, A Coruña, este domingo (16.15 horas) ante os seus até o de onte compañeiros de vestiario.

A guinda, antes do previsto

Que Riki Rodríguez acabaría vestindo a camiseta branquiazul era algo que poucas persoas dubidaban en Riazor, pois era unha das súas principais pretensións. O que faltaba por saber era cando se incorporaría, dado que o seu contrato co Albacete expiraba o vindeiro 30 de xuño e no Dépor valoraban a posibilidade de fichalo a custo cero de cara ao vindeiro curso. Porén, finalmente ambas as partes chegaron a un acordo para adiantar a súa saída a cambio dunha compensación económica de arredor de 200.000 euros que os coruñeses abonarán en concepto de traspaso ao club manchego.

Antonio Hidalgo poderá así afrontar o treito decisivo da Liga co centrocampista organizador que buscaba e logo de incorporar tamén neste mercado o lateral dereito Adrià Altimira e mais o porteiro Álvaro Ferllo, quen desde a súa chegada xa se fixo coa titularidade e disputou cinco partidos nos que encaixou outros tantos goles.

Nesta ventá de traspasos abandonou o club o gardameta austríaco Daniel Bachmann, quen cortou a súa cesión desde o Watford sen chegar a debutar para pór rumbo agora ao Leyton Orient da terceira categoría inglesa. Aliás, Martín Ochoa rematará o curso no Ourense CF e Diego Gómez, no Pontevedra.