Un Deportivo renovado mídese a un imparábel FC Barcelona

Inês Pereira e Marisa García no adestramento previo ao partido fronte ao FC Barcelona. (Foto: RC Deportivo)
O equipo coruñés está a 10 puntos do descenso 

O Dépor Abanca xoga mañá contra o FC Barcelona, un opoñente que sempre é complicado na Liga Iberdrola. O conxunto branquiazul conseguiu recuperarse da mala racha de hai unhas semanas e ademais o fixo superando a lesión de Millene Cabral, unha das xogadoras estrela do equipo. As xogadoras do conxunto branquiazul chegan ao encontro contra ás lideres cun total de 23 puntos, a 13 do descenso, que sitúan ao Dépor no posto 11 da táboa. O equipo coruñés leva un total de seis vitorias, cinco empates e 10 derrotas, uns números máis razoábeis que no primeiro tramo de tempada.

Nunha liga tan pequena como é a Liga Iberdrola, de tan só 16 equipos é moi importante puntuar en todos os partidos posíbeis, xa que as puntuacións soen ser moi axustadas. Un reto moi complicado para ás de Fran Alonso, que se medirán ao FC Barcelona, líder en solitario e con 10 puntos de diferencia co segundo, o Real Madrid. O equipo catalán logrou un avultado 8-0 no partido de ida no Estadi Johan Cruyff. Un encontro marcado pola impresionante actuación de Vicky López, Alexia Putellas e Laia Aleixandri que tan só necesitaron 45 minutos para que as culés marcasen os oito goles.

Neste partido de volta as cousas cambiaron, xa que o equipo coruñés logrou gañar tres dos seus últimos cinco partidos, e afástase cada vez máis dos postos de descenso. Unhas sensacións positivas que reforzan a confianza das xogadoras que terán un enorme desafío mañá en Riazor.

Un cambio inesperado

O conxunto coruñés de Fran Alonso iniciou a tempada cunhas malas sensacións que auguraban unha tempada máis loitando no máis baixo da táboa. Tras 10 xornadas de competición o Dépor tan só lograra unha vitoria contra o Athletic Club de Bilbao. Un dato que preocupaba porque algúns deses partidos eran contra rivais directos como o Eibar, o DUX Logroño ou o Alhama, contra os cales non logrou pasar do empate.

O partido fronte ao Tenerife marcou un antes e un despois no rumbo do equipo coruñés na liga. Un sufrido empate a uns en Riazor, marcado pola noticia da lesión para o que restaba de tempada de Millene Cabral cambiou a dinámica das xogadoras de Fran Alonso. Malia caer unha xornada despois fronte ao Badalona, os seguintes partidos o equipo parecía renovado e logrou dous vitorias moi sinaladas contra o DUX Logroño por catro goles a cero, e contra o Madrid CF por seis goles a un. Incluso as derrotas tiñan outra cor. Ao Real Madrid, o conxunto coruñés púxolle as cousas moi complicadas. chegando a adiantarse primeiro no marcador malia a derrota final.

Un futuro prometedor

Malia que o partido contra o FC Barcelona vai ser moi difícil lograr algún punto, o Dépor ten por diante un calendario moi factible para lograr a ansiada permanencia con xornadas de marxe.

Ten por diante partidos contra rivais directos coma son Eibar, Espanyol ou Alhama, que chegan nun mal momento de forma sen conseguir ningunha vitoria nos últimos cinco partidos. Ademais exceptuando o Atlético de Madrid, o equipo coruñés ten rivais da metade da táboa que malia ser encontros realmente complicados, está demostrando nesta última etapa que está capacitado para gañar.