O Deportivo prolonga a súa boa xeira derrotando o Sabadell na Copa do Rei

Os xogadores do Deportivo celebrando esta quinta feira o seu triunfo ante o Sabadell. (Foto: RC Deportivo)

O Deportivo da Coruña mediuse esta quinta feira no Estadi Municipal Nova Creu Alta ao Sabadell (Catalunya) na segunda rolda da Copa do Rei, un encontro no que acabou impondo o seu dominio para prolongar a súa boa xeira de resultados cun sólido triunfo que lle permite pasar de rolda no torneo do KO.

Un motivado Centre d'Esports Sabadell acolleu esta quinta feira un Deportivo que semellou comezar moi motivado nos primeiros minutos, mais que se foi apagando pouco a pouco na primeira parte. O principio do encontro estivo marcado por unha homenaxe a Antonio Hidalgo, actual técnico do Deportivo, 15 minutos antes de comezar o xogo, que se daría ás 19 horas. Os cataláns quixeron agradecer a Hidalgo os anos que pasou no Sabadell, sendo unha das lendas do conxunto tras militar tres tempadas e media como futbolista e despois como adestrador, devolvendo aos de Catalunya á categoría de prata. O equipo galego xogou co seu segundo equipamento, de cor vermella.

Os coruñeses saíron ao campo cunha aliñación 4-2-3-1, con Eric Puerto como gardameta; Miguel Loureiro, Noubi, Samu Fernández, Rubén López na liña defensiva; Patiño e Gragera no centro do campo, e Herrera, Mulattieri, Fabián Urzain e mais Eddahchouri na liña ofensiva.

O partido semellou comezar cun Dépor forte, que se encargou de pór a pelota en movemento. Mais pouco durou, pois o Sabadell comezou a gañar máis terreo, creando perigo para os de Hidalgo. Xa no minuto tres de xogo, os de Ferran Costa buscaron o seu primeiro lanzamento a portaría. Desde ese momento o Dépor baixou a intensidade e deixou campo libre ao Sabadell, que rematou con dúas ocasións de gol que non chegaron a nada. Un extraordinario Samu Fernández despexou varios tiros dos de Ferran Costa e a primeira parte rematou sen goles, aínda que as ocasións dos de Sabadell non faltaron e crearon moito perigo para os galegos, cun Dépor con pouco control do encontro e con algunha falta a favor de ambos os dous equipos. O árbitro engadiu un minuto de desconto na primeira metade antes de alcanzar o ecuador do choque.

Unha segunda parte dominada polo Dépor

A segunda parte comezou cun remate de chilena do Sabadell, mais que terminou en saque de porta para o Deportivo, que semellaba estar a ter problemas para sacar o balón de atrás, como sucedeu na primeira parte., mais aumentaba a intensidade e ía xa impondo o seu dominio. O primeiro cambio do Dépor chegaba no minuto 46 de xogo, coa saída de Lucas Noubi por Dani Barcia. O gol coruñés chegou para os de Hidalgo no minuto 54, un tanto que anotaba Cristian Herrera. O Sabadell non baixou a cabeza e continuou coa súa dinámica ante un Dépor moito máis reforzado tras esa mala primeira parte. Tiveron varias ocasións para empatar o marcador, mais non se deu. Foron ocasións claras que os cataláns non souberon aproveitar para anotar un tanto que nunca chegou.

No minuto 67 o Deportivo realizou outros dous cambios coas saídas de Zakaria Eddahchouri e de Fabi para que entrasen Bil Nsongo e Mella. E a dez minutos do final o Dépor lograba o seu segundo tanto cun disparo de Rubén López con asistencia de Herrera. A última substitución do Dépor sería no minuto 84 coa entrada no campo de Damián por Sanu, canteirán por canteirán. E con ese 0-2  favorábel aos galegos o árbitro pitaba o final do partido en terras catalás.

O calendario que espera aos de Antonio Hidalgo

O Deportivo prolonga coa vitoria desta quinta feira unha moi boa xeira de resultados que se está a ver acompañada polo xogo do equipo. Esta é a súa sétima  vitoria consecutiva, cinco en Liga –na que marcha líder– e dous na Copa do Rei, nunha boa tempada na que opta, xa sen lugar a dúbidas, a recuperar o lugar que lle corresponde en Primeira.

O próximo partido dos de Antonio Hidalgo disputarase o vindeiro domingo en Riazor contra o Club Deportivo Castellón. O seguinte encontro será contra a Real Sociedade B o domingo 14,  e rematará o ano o 20 de decembro contra o Andorra para retomar a actividade no vindeiro contra o Cádiz  e As Palmas, nunha tempada que está a ser esperanzadora para os e as deportivistas.