O Deportivo Liceo chega con forza á semifinal da Supercopa ante o Barça

David Torres movendo a bóla no último partido entre o Deportivo Liceo e o Barça. (Foto: Manu Boutureira)
 O conxunto herculino enfrontarase este sábado ao actual campión de liga, o Barcelona, na semifinal deste trofeo 

O Deportivo Liceo ten esta fin de semana o seu primeiro compromiso importante: a Supercopa. O conxunto herculino que continúa dirixindo Juan Copa enfrontarase este sábado ao actual campión de liga, o Barcelona, na semifinal deste trofeo que se xogará na localidade catalá de Igualada (Pavelló de Les Comes, 18.45 horas). 

O gañador desta semifinal enfrontarase ao vencedor da que se disputará entre o Reus e o  equipo local, o Igualada Rigat (Pavelló de Les Comes, 16.15 horas). A gran final decorrerá mañá ás 12.15 horas. 

Será o inicio de tempada e tamén a procura do desquite de como rematou a campaña pasada que terminou coa liga en mans do Barcelona. Na Coruña segue a ilusión coa renovación na portaría de Blai Roca e con xogadores que coñecen a competición, como son Fran Torres, Toni Pérez e Nuno Paiva. 

Para os de Copa a pretempada rematou cunha imaxe moi positiva do equipo tras o empate que conseguiron no Pazo de Riazor ante o Barcelos (5-5). O conxunto portugués non é un rival menor, hai que ter en conta que é o vixente campión de Europa. 

O Barça, pola súa parte, leva tres anos gañando este título e chega con ganas. Con todo, o novo equipo de Ricard Ares vén de perder a final da liga catalá ante o Calafell La Menorquina (4-2) en Lleida (Catalunya).

Tres supercopas

O equipo verdibranco volta a un trofeo que se lle resistiu durante moitos anos desde que xurdiu na tempada 1983-1984 e que rematou por conseguir en tres ocasións coincidindo coas tempadas 2016-2017, 2018-2019 e 2020-2021. A primeira tivo como rival ao Reus e as dúas seguintes ao Barcelona.