Un Deportivo forte busca recuperar as boas sensacións en liga ante o Andorra

Os xogadores e o corpo técnico do Deportivo, onte, nas instalacións do club en Abegondo (comarca da Coruña). (Foto: RC Deportivo)
Os de Hidalgo disputarán hoxe, a domicilio, o derradeiro encontro do ano.

O Deportivo da Coruña enfróntase este sábado ás 14 horas ao FC Andorra en liga. Para iso os de Antonio Hidalgo desprázanse ao Estadi d'Encamp, lugar no que o clima destaca polas súas baixas temperaturas. O Dépor vén dunha boa xeira de resultados, logrando unha meritoria vitoria ante o Mallorca esta semana en Riazor para seguir con vida na Copa do Rei. Na liga, tras dous tropezos, continúa asentado no segundo posto e ollando cara ao liderado.

Os andorranos, pola súa parte, chegan a este derradeiro encontro do ano como décimo sétimos en liga. Non obstante, o propio adestrador do Dépor, Antonio Hidalgo, mostrou a súa desconfianza en rolda de prensa admitindo que teñen que “seguir empurrando, moi humildes, porque todo está moi igualado”. De calquera forma, esta tempada estase a mostrar un Deportivo forte, animado e que está a dar moitas sorpresas. Sobre as baixas, Hidalgo aclarou que en principio non contan con ningunha, aínda que “hai diferentes tipos de molestias”, mais non cre que sexa “nada grave" e estarán dispoñíbeis para o encontro de hoxe, onde poden conseguir tres puntos que permitirían loitar de novo polo primeiro posto co Racing. O Andorra é, segundo o propio técnico, o segundo equipo da categoría que máis balón ten. “Temos que estar axustados e facerlles dano”, comentaba Hidalgo. “Pouco a pouco van mellorando, o outro día encontráronse coa vitoria; será un partido moi competido, como todos os da categoría”.

“Desde que chegou Piqué teñen unha idea moi clara de facer as cousas, moito balón, automatismos e xogadores con talento”, continuaba o adestrador. E é que Gerard Piqué –ex xogador do FC Barcelona– comprou o club no ano 2018 a través da súa empresa Kosmos Holding, facéndose cargo das débedas do mesmo.

“O Andorra vainos pór en moita dificultade, están nunha zona na que non lles gustaría estar, iso pódenos despistar. Temos que estar sempre alerta, as diferenzas entre categorías son mínimas”, proseguiu o adestrador branquiazul. “Ser sólidos é o máis importante e, a partir de aí, ir traballando o partido”, explicaba Hidalgo na rolda de prensa. Coas súas declaracións queda claro que os coruñeses non queren confiarse para que iso non lles pase unha mala xogada.

Mirando cara ao futuro, o técnico volveu recalcar a importancia da canteira e confirmou que o corpo técnico conta con eles para as convocatorias, sen distinción de idade. “Queremos dar oportunidades a quen o merecen. Cando saen ao campo e responden nós temos que pensar neles como posibilidade de metelos na convocatoria. Hai que ter pausa e tranquilidade con eles", dixo.

O Andorra chega ao encontro despois de varias derrotas e algún empate, exceptuando a vitoria contra o Valladolid o sábado pasado, resultado ao que se referiu Hidalgo onte.

O de hoxe será o último partido do ano para o Deportivo, que neste curso está a devolver a ilusión a un Riazor que semana tras semana volve gozar co xogo do seu equipo e que xa soña cos ollos abertos co ansiado retorno a Primeira oito anos despois.

"O fútbol cada vez está máis parello, iso fala da igualdade”

O adestrador do Deportivo, Antonio Hidalgo, quixo resaltar na rolda de prensa a igualdade de nivel que hai na competición. "O fútbol cada vez está máis igualado. Todo o mundo está moi preparado, iso fala moito da igualdade", sostiña o técnico. Engadía tamén que "hai que estar concentrados, coa necesidade de sumar", facendo referencia aos puntos na clasificación e á obriga de non sentir demasiada confianza derivada da súa boa xeira.