O Deportivo deixa de levar o nome deturpado da cidade na súa rúa
“Aquí tamén se fala” e o Concello descobren as novas placas da Rolda RC Deportivo da Coruña.
A Rolda, bautizada oficialmente co nome Real Club Deportivo en setembro do ano 2012, exhibía a maiores, nas placas municipais, unha referencia ao topónimo que incumpría a normativa da Lei de normalización lingüística, en vigor desde 1983, e que no seu artigo 10 estabelece que “os topónimos da Galiza terán como única forma oficial a galega”.
A petición de corrección toponímica foi presentada no rexistro municipal polo filólogo e profesor Alberto Pombo, fundador da iniciativa “Aquí tamén se fala” desde a que promoven a acción “O Dépor é da Coruña”, que procura o cambio do topónimo deturpado no escudo do club.
O acto, no que se descubriron as novas placas, tivo lugar fronte ao IES Rafael Dieste, que coordina unha acción que xa apoiaron 100% dos insitutos públicos coruñeses así como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Universidade da Coruña, a Federación de peñas, os responsábeis de lingua da Xunta de Galicia, Deputación e Concello da Coruña, representantes do tecido cultural ou excapitáns históricos como Álex Bergantiños ou Dani Mallo.
O concelleiro de cultura Gonzalo Castro, destacou a “importancia de acompañar e apoiar unha campaña de dinamización e de restauración da nosa dignidade” sinalando que o Deportivo “é un dos maiores embaixadores da Galizaa” e apuntou que “todos os casos de éxito no fútbol globalizado incorporan en esencia a defensa da identidade e da súa historia” aseverando que o obxectivo conta co apoio do deportivismo.
Polo instituto coruñés, representado por unha nutrida selección de estudantes que forman parte de “Aquí tamén se fala”, o seu xefe de estudos, Ramón Barreiro -un dos mil socios máis antigos do club- explicou que “o obxectivo da campaña é tan sinxelo como adaptar a denominación oficial ao cumprimento da legalidade vixente” e que facelo será unha nova oportunidade de “reconectar o Deportivo coa súa xente”.
Desde a plataforma estudantil, conformada por máis de 25.000 estudantes de 250 centros de ensino de todo o país, anuncian novas accións e reiteran que a súa campaña terminará só no momento en que o Deportivo anuncie o cambio e rache “coa disonancia e confusión” que se dá íntima relación entre o nome do club e o da cidade.