O Deportivo confía en manterse en postos de ascenso fechando a xornada en Riazor

Luismi Cruz superando a Igor Nikic no encontro de ida ante o Mirandés (1-5) o pasado setembro. (Foto: RC Deportivo)
O equipo que dirixe Antonio Hidalgo suma xa seis partidos sen coñecer a derrota. Esta xornada será o último en xogar.

Sete partidos para o remate da competición en Segunda División e todo está por decidir nos postos de ascenso á máxima categoría. O Deportivo afronta a 36ª xornada cun sabor agridoce. O empate ante o Huesca (1-1) por un erro en defensa nos minutos de desconto finais fixeron que os de Antonio Hidalgo perderan a oportunidade de sumar de tres e achegarse ao líder actual, o Racing de Santander. Porén, os cántabros deixaron fóra o Almería (5-1), facilitando o segundo posto de ascenso directo para os branquiazuis. 

Os números séguenlle dando ao técnico catalán e o equipo seguiu sumando. O Dépor suma xa seis partidos sen coñecer a derrota. Empatado a puntos co Almería (61) e con só un punto de vantaxe sobre o Málaga e o Burgos CF (ambos os dous con 60), o Deportivo contará coa posibilidade de saber, antes de xogar a segunda feira co Mirandés (Riazor, 20.30 horas) o resultado dos seus rivais inmediatos.   

Alén diso, continúan na competición os encontros entre os aspirantes ao ascenso e rivais directos do equipo herculino. Nesta mesma xornada haberá dous partidos que contarán moito para as aspiracións que teñen os branquiazuis. Así, o sábado decorrerá o encontro Castelló-Burgos CF (Nou Castàlia, 18.30 horas) e ao  día seguinte o Almería-Málaga (UDA Stadium, 21 horas). O Castelló ten agora 58 puntos e un triunfo seu, como tamén podería acontecer co Burgos, conseguiría que superasen o Dépor de maneira momentánea na táboa. 

Adestramentos diarios

O Deportivo voltou onte aos adestramentos comezando por realizar traballo complementario orientado aos seus homes lesionados e a futbolistas con adestramento específico. Esta curta feira seguirá unha semana longa de preparación no Dépor Training Center de Abegondo (comarca da Coruña), incluíndo todos os días, tamén o sábado e o domingo. En total serán cinco sesións de preparación que comezarán en todos os casos ás 10.30 horas. Neles, Antonio Hidalgo, tal e como deixaba claro ao remate do partido en Huesca, buscará "aprender dos erros".

Poxa polas camisolas

O Dépor anunciou onte a venda, a través dunha empresa de poxas dixitais dos Países Baixos, das camisolas que empregaron os xogadores na primeira parte do encontro ante o Huesca da pasada xornada. Trátase da prenda ‘retro’ que foi o segundo equipamento de Rafrei de finais dos 80. O prezo de saída, antes dos oito días en que remate, varía segundo os xogadores que a levaron. Así, a máis cara, polo de agora, é a de Yeremay (240 euros) e a máis económica, a de Christian Herrera (56 euros).