O Deportivo comeza a pretempada cun partido benéfico ante o Compos

Arnau Comas, adestrando sta terza feira. (Foto: Deportivo da Coruña)
O partido disputarase no Vero Boquete ás 20.30 horas.

O Deportivo da Coruña disputa esta cuarta feira o seu primeiro partido da pretempada, descontado o amigábel 'oculto' contra o Famalicão (vitoria herculina por 3-2). Farao en Compostela, no Estadio Vero Boquete e contra a SD Compostela, equipo de Terceira Federación para o que tamén será este o seu primeiro encontro de preparación. O encontro comezará ás 20.30 horas no marco das Festas do Apóstolo da capital galega e terá carácter benéfico, posto que toda a recadación irá destinada á Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil da Galiza.

O conxunto que dirixe Antonio Hidalgo terá a oportunidade de comprobar no campo a adaptación das novas fichaxes, como Luismi Cruz, Lucas Noubi ou Arnau Comas, a un equipo que inicia a tempada coa responsabilidade de dar a batalla polo ascenso.

O Dépor centra os seus esforzos en intentar novas incorporacións, e soan nomes como os de Miguel Loureiro (SD Huesca) e Riki Rodríguez (Albacete), e terá esta semana unha segunda cita na pretempada: visitará o Ourense CF este sábado no Couto para disputar a segunda edición do Memorial Miguel Ángel, no que xa participou o pasado verán. 

Pola súa parte, a SD Compostela deu tamén onte o disparo de saída á tempada 2025-26 no campo de adestramento anexo ao Estadio Vero Boquete de San Lázaro. O conxunto branquiazul completou a primeira sesión do novo curso con Secho Martínez aos mandos e con 15 incorporacións. Onte mesmo, nun acto decorrido na Casa do Concello, o equipo presentou a camiseta da vindeira campaña, a "máis picheleira".

O feminino, en Portugal

Tamén esta cuarta o RC Deportivo feminino disputará o seu primeiro amigábel do verán ante o SC Braga (13 horas) en territorio luso. Aínda non se reincorporaron as internacionais Inês Pereira, Michi Apóstol e Espe Pizarro.