Deportistas exixen o cambio dunha ordenanza "impide" surfear na Coruña con alerta no mar
Após a reunión decorrida onte entre representantes da Federación Galega de Surf, a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, a rexedora concluíu que a institución con competencias neste ámbito e encargada de estabelecer excepcións en caso de alertas que afecten a práctica deportiva do surf é a Xunta da Galiza. Porén, a alcaldesa asegurou que cando o Goberno galego modifique o protocolo, o Concello cambiará a ordenanza municipal.
Desde o colectivo dos deportistas exixen unha corrección canto antes desta ordenanza que non permite practicar surf con bandeira vermella. Jose María de Paz, avogado e surfista, indica a Nós Diario que "o protocolo da Xunta legalmente non pode prohibir o deporte individual", porque entón afectaría "a liberdade individual". Para cambiar iso, "tería que aprobarse unha lei orgánica", explica o avogado. Pero si que afecta os "clubs que están vinculados á Federación", admite, xa que no protocolo a Xunta da Galiza sinala que "con alerta vermella prohíbense todas as actividades federadas", asegura de Paz.
Malia isto, sinala o surfista, a Xunta ten "vontade de modificar o protocolo". Para o avogado, o gran problema está "na ordenanza municipal", xa que Inés Rei "equipara as alertas ás bandeiras, un erro moi grave", para De Paz: "Por isto as praias cérranse, malia non ser condicións extremas", sinala.
O surfista evidencia que na ordenanza municipal, no artigo 28 que trata as medidas urxentes, estanse a volver norma situacións extraordinarias: "Se o artigo abrangue excepcionalidades, non podes fechar a praia día si e día tamén", denuncia. De Paz considera que isto debe modificarse e xustifica que os accidentes que se producen baixo estas condicións danse porque as vítimas son "afeccionados e non profesionais". O surfista conclúe que na Coruña foi "onde naceu o surf na Galiza, e é unha magoa que non se poida practicar un deporte tan seguido no país", e para corrixilo, sinala, é necesario unha reforma urxente na ordenanza municipal .O 11 de febreiro varios deportistas concentráronse na Fonte dos surfistas para reclaman unha mudanza da normativa.
A orixe das protestas
Este problema saíu a luz despois de que en novembro a Policía Local da Coruña multase o surfista Pablo Montero, campión galego e estatal desta modalidade, por surfear na praia do Orzán con alerta laranxa. Esta sanción abriu o debate sobre practicar surf con alertas meteorolóxicas. As fontes municipais declararon que a sanción débese a "non atender ás chamadas da policía" e marchar "desatendendo a chamada dos axentes".