Anuario 2024

2024, un ano marcado polo París olímpico para o deporte galego

A triatleta paralímpica viguesa Susana Rodríguez Gacio cruzando a meta en París, onde foi ouro, canda a súa guía, Sara Pérez. (Foto David Ramírez CPE)
Cada catro anos os Xogos Olímpicos son os verdadeiros protagonistas do calendario deportivo. Este ano decorreron en París e, por primeira vez, Nós Diario realizou unha cobertura presencial do evento seguindo a maior representación galega da historia. Foi unha cita inzada de bos e malos momentos, de éxitos e fracasos, de bágoas de ledicia e de tristura. Mais, a fin de contas, unha morea de historias que merecen ser contadas para pór en valor o enorme potencial do deporte galego, que ao longo deste último ano volveu demostrar ao mundo que compite no máis alto nivel e que, de cara ao futuro, vén apertando forte a canteira.

2024 foi un ano marcado polos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París, unha cita especialmente relevante por diferentes motivos. O primeiro, porque permitiron retomar a normalidade após o sabor agridoce que deixou Toquio 2020, adiado un ano por mor da pandemia da Covid-19 e coas bancadas baleiras. En París alcanzouse tamén a necesaria paridade de xénero –competiron os mesmos homes, 5.250, que mulleres–, e diversos comités olímpicos estatais, como o español, equipararon os premios económicos polas medallas obtidas nos Olímpicos e os Paralímpicos.

E á capital francesa, sede por terceira vez da gran cita do deporte mundial, acudiu a maior representación galega da historia: un total de 32 deportistas, incluíndo os seis procedentes doutros territorios do Estado que son considerados pola Xunta deportistas galegos de alto nivel (DGAN), competiron entre o 26 de xullo e o 11 de agosto nos Xogos co ambicioso obxectivo de superar as tres pratas e tres bronces de Toquio. Nós Diario non quixo desaproveitar esta oportunidade única para o deporte da Galiza e ofreceu unha ampla cobertura con entrevistas, reportaxes, crónicas e o minuto a minuto desde París.

A delegación galega regresou á casa cun botín –moi meritorio mais insuficiente para superar a súa mellor marca olímpica– de cinco bronces. As expectativas eran moi altas, máis que nunca, e haberá quen o poida considerar un fracaso. Porén, nos Xogos compiten "os mellores de cada casa", como nos dicía o padexeiro madrileño-groveiro Diego Domínguez. El foi un dos afortunados que subiu ao podio, e nin el mesmo podía crelo. "Tío, que somos bronce!", espetoulle ao seu compañeiro de canoa no C2 500, o balear Joan Antoni Moreno, nada máis cruzar a meta e mentres a photo finish determinaba a apertada clasificación final.

Cuestión de perspectiva

O deporte de elite, sobre todo nas disciplinas olímpicas, é moi sacrificado e poucas veces agradecido. O esforzo diario de catro anos, tantas horas de adestramento e de levar o corpo practicamente ao límite, ponse a proba en apenas uns minutos de competición; mesmo segundos, nalgunha delas. Porque o deporte ten sempre dúas caras: a do éxtase que se apoderou de Domínguez e a das bágoas que impregnaron ao día seguinte os rostros da pontevedresa Carolina García, que tivo que –dificilmente– compaxinar a preparación olímpica cos seus estudos en Biomedicina e Neurociencia, e a asturiana –con licenza galega– Sara Ouzande, que hai tres anos deixou atrás todos os seus seres queridos para preparar coa propia García o K2 500 e, sumándose as dúas á sempiterna canguesa Teresa Portela e a estremeña Estefanía Fernández, o K4 500. Nesta última proba, na que depositaran todas as súas esperanzas e facían soñar o piragüismo galego cunha nova medalla, remataron sextas, cun diploma olímpico –o sexto, aos seus 42 anos, na exitosa carreira de Portela, aos que engade a prata de Toquio–. E no K2 500, onde loitaban nunha disputada final B após caeren na rolda previa, García e Ouzande acabaron envorcando a escasos metros da meta.

Para pór o ramo ao piragüismo sprint, o betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade, prata en Toquio no K4 500 canda Saúl Craviotto e Marcus Cooper, saían a por todas nestes Xogos e ben puideron levar o ouro, mais nos metros finais da regata acabaron relegados a un bronce que aseguraron que lles sabía "a ouro".

Pasando do caiac á canoa todos os ollos estaban postos na pontevedresa Antía Jácome, quinta en Toquio no C1 200, a súa proba fetiche. O seu nome aparecía nas quinielas tanto desta modalidade como do C2 500, que compartía con María Corbera. Pero desta tampouco foi a medalla: sextas no C2 500 e cuarta, Jácome en solitario, no C1 200. Dous diplomas que non foron metais por diferenzas irrisorias de tempo.

Quizais todo depende da perspectiva. Que llo digan ao pontevedrés Pablo Crespo, o padexeiro máis novo da expedición galega e quen máis arrecendía a olimpismo antes mesmo de debutar nos seus primeiros Xogos. Os seus pais, José Manuel Crespo e Ana María Penas, foron tres e dúas veces olímpicos, respectivamente, e a modalidade do piragüismo que elixiu, o C1 1.000, foi a mesma que levou David Cal ao máis alto do podio en Atenas 2004 e lle outorgou outras dúas pratas en Beijing 2008 e Londres 2012. Crespo rematou cuarto na final B, mais para el a maior recompensa foi poder viaxar a París. "Quedo máis que satisfeito, pasar ás semifinais xa foi brutal e verme aquí dando este nivel... incríbel", recoñecía a Nós Diario este padexeiro cun futuro máis que prometedor.

Tamén con escasas expectativas viaxaba a benxamina da representación olímpica galega, a skater coruñesa Julia Benedetti, que con só 19 anos disputaba os seus segundos Xogos co único obxectivo de facelo "o mellor" que puidese. Foi décimo sétima na proba de park, pero gozou dunha cita olímpica sen restricións sanitarias compartindo aloxamento coas e cos mellores deportistas do mundo. Na mesma posición rematou, na maratón de natación de augas abertas, a andaluza afincada na Coruña María de Valdés, quen chegaba co cartel de subcampioa mundial e tivo que competir nas augas do río Sena enferma, desvelou posteriormente.

Con incerteza viaxaba ao porto de Marsella a regatista Támara Echegoyen, primeira medallista olímpica do país –ouro en Londres 2012–, que foi de menos  a máis e, malia gañar a última regata, non logrou o pase á carreira polo título para despedirse así dos Xogos cun sabor amargo.

O primeiro representante do deporte galego en subir ao podio foi o judoca madrileño –considerado DGAN– Fran Garrigós, que puxo a guinda a un excelente torneo na categoría masculina de -60 kg vencendo o xeorxiano Guiorgui Sardalashvili no combate polo bronce. Precisamente no judo había varias opcións, se ben algunhas máis complicadas que outras, de sumar no palmarés galego, mais só se puideron engadir a esta xesta dous diplomas: o de Laura Martínez, quinta ás portas do bronce en -48 kg, e o de Nikoloz Sherazadishvili, quinto tamén en -100 kg.

A segunda medalla asegurouna o boxeador galego, orixinario de Cuba pero afincado na Coruña, Enmanuel Reyes Pla, que puido redimirse do mal sabor de boca que lle deixara o diploma de Toquio 2020, onde caeu en cuartos de final por unha decisión do xurado que considerou polémica, e meteuse nas semifinais, como el ben sabe, "dando palo", derrotando desta volta nesa mesma rolda o belga Victor Schelstraete. Non conforme, foi a por todas na semifinal na que quedara encadrado co azerí —tamén nado en Cuba— Loren Alfonso, mais a pesar do seu bo facer no ring os xuíces déronlle o pase á final ao seu rival. "Están cegos", dixo após o combate.

Nesa mesma semana escaparon os metais no remo, onde tanto o moañés Rodrigo Conde no dobre scull —canda o catalán Aleix García— como o noiés Caetano Horta na categoría lixeira —xunto ao tamén catalán Dennis Carracedo— non lograron finalmente subir ao podio. Horta caeu en semifinais, o que supuxo un duro revés para el, mais asinou un segundo posto na final B que lle outorgou un meritorio diploma, o segundo para el tras o que obtivera en Toquio. Conde si entrou na final polas medallas, mais foi quinto.

Na última semana de Xogos había novas oportunidades no estadio náutico de Vaires-sur-Marne, pero a fortuna non acompañou tampouco, igual que a maioría da ampla representación galega no piragüismo sprint, o tomiñés Manu Ochoa, que debutaba como olímpico na novidosa proba de caiac cross –dentro do slálom–, caendo en cuartos de final por descualificación —os xuíces interpretaron que saltara a última porta— nunha carreira na que se impuxera mesmo ao vixente campión mundial, o británico Joseph Clarke, e que o certificaba como un serio aspirante ao título. " Sentín esa última porta como unha entrada perfecta, estaba convencido. Non me arrepinto de nada, faríao todo igual desde o primeiro día... iso fai que doa máis", admitía após a proba.

O quinto e derradeiro metal para o deporte galego foi o bronce que colgou este mesmo domingo do seu pescozo o porteiro de balonmán cangués Rodrigo Corrales, o segundo para el após o de Toquio. A selección estatal masculina venceu Eslovenia pola mínima (23-22) no partido polo terceiro e cuarto posto.

Aliás, a selección estatal de fútbol feminino, campioa do mundo e da Liga das Nacións, levaba a pontevedresa Teresa Abelleira. En París caeu derrotada por Brasil en semis e perdeu o bronce ante Alemaña, polo que se conformou co diploma. Os últimos diplomas foron para as galegas María Araújo e Paula Ginzo após perderen en cuartos coa selección estatal de baloncesto.

As sorpresas no atletismo

Non se cumpriron os prognósticos no atletismo, comezando por unha Ana Peleteiro que viaxaba a París co obxectivo do ouro e acabou sendo sexta nunha final de triplo salto moi complexa marcada pola choiva. Só oito centímetros separaron a atleta de Ribeira do bronce, mais ela mesma admitiu que aspiraba a moito máis que ao diploma que levou.

Sorprendente foi tamén a eliminación de Adrián Ben antes das semifinais do 800. Escapoulle o billete na primeira rolda e non o conseguiu tampouco a través dun cuestionado sistema de repesca contra o que cargou con rotundidade en varias ocasións. Neste apartado, con todo, cómpre salientar a boa actuación da lanzadora de xavelina Yulenmis Aguilar, que non só se coou na final senón que coroou o seu paso por París cun diploma —foi sexta— que poucas persoas podían presaxiar antes dos Xogos.

Na maratón masculina, o noiés Tariku Novales, quen o pasado ano esnaquizara o récord estatal, sufriu durante a carreira e rematou sexaxésimo oitavo. Na feminina, a viguesa Ester Navarrete, debutante olímpica nunha proba que empezou a preparar hai apenas uns meses –tendo que colgar temporalmente a súa bata de enfermeira para iso–, foi cuadraxésimo segunda en París, onde clasificou gañando a maratón de Sevilla en febreiro pasado, a primeira para ela.

Tampouco tiveron sorte o triatleta Antonio Serrat, trixésimo segundo, nin a lanzadora de peso Belén Toimil, que caeu en semifinais. E non chegou a debutar Antía Chamosa, suplente na remuda mixta de marcha, así como a xogadora de balonmán Alicia Fernández, no seu caso por lesión.

Susana Rodríguez liderou a 'Armada' paralímpica

Rematados os olímpicos, foi o momento dos Paralímpicos, que decorreron do 28 de agosto ao 8 de setembro coa presenza de 14 galegos e galegas. Neste caso, Galiza volveu tamén da capital francesa con cinco medallas e varios diplomas. O maior logro foi o ouro de Susana Rodríguez Gacio, que conseguiu revalidar o ouro de Toquio e acrecentar a súa lenda na modalidade de paratríatlon nunha soberbia carreira na que se soubo impor tirando de veteranía. Rodríguez recuperouse a tempo e ofreceu o máximo nivel após sufrir unha gravísima caída en Vigo en xuño. "A presión previa ás grandes competicións e a demanda que hai desde os medios son factores difíciles de xestionar. Cando hai bos resultados todo o mundo se achega aos deportistas; cando as cousas veñen mal dadas, só o círculo máis achegado está perto", sinalaba a atleta a Nós Diario.

O resto de metais foron bronces. O primeiro, o do coruñés Damián Ramos na proba ciclista contra o reloxo C4, ao que sumou outro diploma na de ruta. O tirador José Antonio Saavedra, pola súa parte, levou o mesmo metal na proba de rifle 10 metros, que sumou ao bronce de Toquio e a prata de Londres. Entre as sorpresas estivo Judith Rodríguez en esgrima en cadeira. Na súa primeira participación nuns Xogos, levou a medalla na modalidade de florete, ao que engadiu diploma na modalidade de espada. Por último, volveu á Galiza con bronce o tenista Martín de la Puente tras quedar terceiro na proba de dobres xunto co madrileño Dani Caverzaschi. Na individual fixo outra brillante actuación, mais tivo que conformarse cun diploma.

Tamén gañaron diploma a atleta Adiaratou Iglesias, os nadadores Juan Ferrón e Jacobo Garrido e mais os xogadores de baloncesto, xunto ao combinado do Estado español, Vicky Vilariño e Manu Lorenzo.

Os fitos alén de París

O que tamén se demostrou este ano é que hai canteira para moitos anos no deporte galego. Quedou fóra destes Xogos, pero con certeza dará alegrías á Galiza nos vindeiros, a tenista vilagarciá Jessica Bouzas, quen fixo historia eliminando este ano en Wimbledon a vixente campioa, Markéta Vondroušová. E este foi tamén un ano relevante para o deporte rei, o fútbol. En maio regresou, após oito anos de ausencia, a selección galega, a Irmandiña, que recibiu Panamá en Balaídos (0-2). Tamén supuxo a conclusión das celebracións do centenario do Celta e o nacemento do seu equipo feminino, As Celtas. E na Coruña, dobre motivo de ledicia: o Dépor masculino regresou ao fútbol profesional e o feminino, a Primeira.