O deporte de alto nivel segue a bater récords, con 1.712 licenzas

Deportistas galegas incluídas na listaxe publicada polo Diario Oficial da Galzia. (Foto: Xunta da Galiza)
53 deportistas de elite con diversidade funcional.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) fixo pública esta cuarta feira a Orde do 21 de outubro de 2025 pola que se recoñecen as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento e persoas adestradoras ou técnicas, que recolle 85 novas incorporacións, facendo que o número total e deportistas galegas e galegos siga batendo récords, chegando a 1.712. Unha cifra que, con todo, continúa mostrando a desigualdade imperante no deporte de elite, posto que 58% son homes, fronte a 42% de mulleres.

Na listaxe están presentes algunhas das mellores galegas e galegos do deporte olímpico e paralímpico, como Teresa Portela, Adi Iglesias, Susana Rodríguez Gacio ou Juan Antonio Saavedra. Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías están recoñecidas 53 deportistas da Galiza, 19 mulleres e 34 homes, con diversidade funcional, o rexistro máis elevado da historia e que segue a crecer ano tras ano.

“Estas cifras alcanzadas polo deporte de alto nivel da Galiza débense, por unha parte, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas da Galiza nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020, que, ademais do deporte de alto nivel da Galiza, tamén recoñece o alto rendemento deportivo –práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada como de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo– e o rendemento deportivo de base –etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a alcanzar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel–", salientaron a través dun comunicado desde o Goberno galego.