O Dépor incorpora Giacomo Quagliata e José Graguera
Xornada de novidades na sede do Real Club Deportivo da Coruña en Abegondo (comarca da Coruña). A entidade branquiazul confirmou onte as fichaxes de Giacomo Quagliata e José Graguera así como a saída de Kevin Sánchez.
No caso de Quagliata, o italiano asinou até xuño de 2028 e reforzará o lateral esquerdo do Dér. O defensa disputou a campaña pasada un total de 26 partidos na Serie B italiana entre o US Cremonese e o US Catanzaro. Nese período, no que tamén participou en 3 partidos do play off de ascenso e 1 encontro da Copa de Italia, marcou 2 goles e realizou 5 asistencias. O novo futbolista branquiazul desenvolveu boa parte da súa carreira no US Cremonese, co que xogou un total de 72 partidos con 1 gol e 4 asistencias. Deles, 20 foron na máxima categoría italiana na tempada 2022-23.
Tamén pasou pola Primera División holandesa, concretamente nas filas do Heracles Almelo nas tempadas 2020-2021 e 2021-2022) sumando un total de 54 partidos, 1 gol e 5 asistencias. Alén diso, Quagliata defendeu en 5 ocasións a camiseta da selección italiana sub-21, coa que chegou a anotar 1 gol.
A segunda incorporación foi a do asturiano José Gragera Amado. O centrocampista chega cedido polo RCD Espanyol, cunha opción de compra incluída no acordo entre ambos os dous clubs. Este mediocentro disputou a pasada tempada 19 partidos en Primera División, nos que anotou un gol. Malia a pesar da súa mocidade (25 anos) acumula moita experiencia na liga, con 121 encontros entre o RCD Espanyol e o Real Sporting de Xijón, o seu club de formación.
Nesa categoría suma ademais 5 goles e 3 asistencias. Ademais, participou en 5 partidos de promoción de ascenso a Primeira e 8 encontros na Copa. A nivel internacional, foi convocado pola selección estatal nas categorías sub-19 e sub-21, coa que disputou 5 partidos e marcou 1 gol.
Marcha Kevin Sánchez
No apartado de saídas, esta cuarta feira confirmouse de maneira oficial a de Kevin Sánchez Rey. O burgalés xogará esta tempada cedido no FC Cartaxena de Primera Federación. O Deportivo accedeu á petición expresada polo propio xogador, que desexa sobre todo "xogar para crecer, mellorar e volver sendo un xogador máis preparado para estar á altura do Dépor".