O Dépor dorme primeiro na táboa da Segunda División once anos máis tarde

David Mella, o 12 de setembro en Riazor. (Foto: Dépor)

O ambiente de festa en Riazor acompañou un triunfo rotundo ante o Huesca que sitúa aos branquiazuis líderes, unha circunstancia que non se repetía desde hai dez anos.

O Deportivo da Coruña fechou a sexta xornada da Segunda División como líder da categoría, algo que non acontecía desde maio de 2014. A goleada fronte a SD Huesca converteu Riazor nunha festa e alimenta a ilusión dunha bancada que soña con repetir aquel ascenso histórico, cando o equipo tamén se puxera á fronte da táboa á altura da xornada 39.

O triunfo deixa os herculinos con 14 puntos, os mesmos que o Cádiz, mentres que o Racing de Santander segue de perto con 13. Valladolid, Andorra e Las Palmas, con 11, completan un inicio de curso moi axustado na parte alta da clasificación, con varios aspirantes nun puñado de puntos.

A realidade invita ao optimismo pero tamén á cautela. Nas últimas tempadas houbo equipos que comezaron fortes mais que se desinflaron co paso das semanas, polo que o Dépor encara agora un calendario exixente con encontros ante Eibar, Almería, Málaga e Racing, tres deles a domicilio. O rendemento lonxe de Riazor, polo momento, está a ser positivo, mais suporá unha verdadeira proba de solidez.

A pasada sexta feira, após o partido, o canteirán David Mella amosou na zona mixta a súa satisfacción pola vitoria e pola situación clasificatoria: "Moi contento pola vitoria, por durmir primeiros, pero mañá hai que volver ao traballo". O xogador, convocado coa selección española sub-20 para disputar o Mundial de Chile, recoñeceu estar apenado por ausentarse: "É unha oportunidade que non se xoga todos os días. A gozar da experiencia".

Mella tamén destacou o traballo colectivo do equipo ante o Huesca, ao que apenas lle permitiron ocasións: "Non permitimos que nos fixesen dano, deixamos a portaría a cero e estou moi contento por sumar mellores partidos cada fin de semana". O futbolista, que vive un momento doce, insistiu na importancia do apoio dos seareiros e das seareiras en cada encontro en Riazor.

Pola súa banda, Miguel Loureiro salientou a solidez e concentración do conxunto branquiazul: "Foi un partido moi bo, sabiamos que ía ser de duelos e de moita presión en campo rival e estivemos acertados". O defensa, que militou dous anos na SD Huesca, confesou que foi "especial" medirse ao seu antigo equipo, ao que agradeceu a etapa vivida.

Loureiro restou importancia á clasificación, a pesar da alegría do liderado: "Non ten importancia algunha. O que conta son as sensacións, o traballo que está a facer o equipo, o crecemento semana a semana. Iso é o que nos reforza, fainos sentir ben e dános máis ganas de crecer". Un discurso de prudencia que conecta co obxectivo final do Dépor: consolidar un proxecto competitivo que poida loitar polo ascenso.