José Ángel chama a "procurar o equilibrio" do Dépor ante a Cultural

José Ángel na rolda de prensa esta quinta feira (Foto: RC Deportivo)
O mediocentro branquiazul José Ángel, en rolda de prensa, asegurou que o frío neste partido a domicilio "non pode ser escusa".

O Real Club Deportivo da Coruña adestrou esta quinta feira no Dépor Training Center en Abegondo (comarca da Coruña) coa vista posta no compromiso mañá ante a Cultural Leonesa (Reino de León, 18.30 horas). 

Os leoneses chegan nunha dinámica comprometida. Acumulan seis partidos consecutivos sen gañar entre todas as competicións, algo que prexudicou a confianza por quedar perto da zona de descenso. 

O Dépor, pola súa parte, tampouco está no seu mellor momento e só logrou unha vitoria no últimas seis xornadas, mais manténdose na zona alta da clasificación grazas á súa regularidade anterior. 

Ao remate do adestramento tocou rolda de prensa e nesta ocasión foi o mediocentro branquiazul, José Ángel, o encargado de valorar a actualidade do seu equipo. O capitán do conxunto que dirixe Antonio Hidalgo recoñeceu que o equipo pasou “unha semana moi dura” após a derrota ante o Racing de Santander (0-1) malia facer “un partido serio ante un dos rivais máis poderosos”.

Sen querer entrar na polémica 'rifa' cos cántabros, lembrou que aínda quedan 19 xornadas para ver "como termina a cousa". Neste sentido, sinalou que o Dépor ten que “buscar o equilibrio” e apuntou que e positivo “e vexo o vaso medio cheo”. 

O frío en León 

Estes días a Cultural Leonesa aproveitou para difundir polas redes sociais as duras condicións meteorolóxicas que teñen no seu campo. “Non me gusta xogar con frío, mais aféctanos aos dous e estiven dous anos en Noruega”, indicou o sevillano.

“Tamén lembro que o ano pasado xogamos en Burgos con medio campo conxelado e levámonos os tres puntos. Non debe de ser escusa, temos o plan de partido e como temos que xogar para gañar”, agregou.