O Dépor abrirá esta sexta feira o adestramento en Abegondo á afección branquiazul

O Dépor adestrando en Abegondo. (Foto: RC Deportivo)

O Deportivo abrirá as instalacións da Cidade Deportiva de Abegondo (comarca da Coruña) esta sexta feira a partir das 11.30 horas á súa afección aproveitando que é día festivo. Esta é a segunda ocasión na que o conxunto branquiazul realiza un adestramento aberto este ano; o anterior foi o 5 de xaneiro.

Con respecto ao vestiario, esta quinta feira sóubose que José Ángel Jurado non poderá estar o domingo ante o Tenerife (Riazor,  21 horas). O Comité de Apelación xa respondeu o recurso presentado polo club que preside Juan Carlos Escotet e deu unha resposta negativa. Mantense, polo tanto, o cartón mostrado polo árbitro Sergiu Mureșan Mureșan no encontro ante o Mirandés. 

Descenso matemático?

Non moi lonxe, en Ferrol, o Racing agarda por disputar o sábado o seu partido co Eldense (A Malata, 14 horas). O encontro pode certificar o seu descenso de categoría, algo que tivo en conta esta quinta feira o seu técnico, Alejandro Menéndez, na comparecencia previa en rolda de prensa.

“Quero pensar que imos gañar o sábado porque o equipo traballou para iso”, asegurou. Sobre o rival e a súa situación, o técnico recoñeceu que “somos dous equipos con necesidades e urxencias", polo que cre que eles virán "con moita fe de tentar gañar o partido, porque cada día queda menos, e nós igual".

Sobre a situación do equipo e a súa propia co equipo verde, afirmou que cada día chega para traballar “con moitas ganas”, aínda que confesou que “desgasta moito, porque nunca me pasara". "Nin en xuvenís, porque fun dúas veces campión de España con equipos diferentes. É algo que me está pasando agora e teño que aceptar”, sinalou.