Outro escándalo sexista na Federación Española de Fútbol: Louzán minimiza o acoso recibido polas mulleres de fútbolistas en Arabia Saudita
Os incidentes á saída estadio King Abdullah de Yeda (Arabia Saudita) tras o partido de Supercopa entre o Real Madrid e o Mallorca seguen de actualidade. Despois das denuncias de familiares e xogadores do equipo balear polo acoso por parte de seareiros locais, o presidente da a Real Federación Español de Fútbol (RFEF), Rafael Louzán, tentou minimizar a situación e desde o ente deportivo saíu un comunicado apuntando cara unha situación de simple “abafo” e que a circunstancia “xa estaba resolta”.
Esta semana continuaron as denuncias públicas en medios de comunicación das mulleres afectadas e das súas parellas. É o caso Cristina Palavra, muller do futbolista betanceiro Dani Rodríguez, que seguía pedindo explicacións polo acontecido, neste caso en El Desmarque, portal deportivo de Mediaset.
"Non paraban de meterme as mans, facéndome fotos de todos os sitios, de fronte, de todo, coa miña nena en brazos… Non tiñan ningún respecto, Era sen consentimento… Unha muller sabe cando é abafo e cando é acoso", denunciou publicamente Cristina Palavra.
O propio centrocampista galego, nunha entrevista co xornal ABC, denunciaba a actitude do presidente da Federación, Rafael Louzán, neste asunto. "Paréceme desprezábel. Todos sabemos por que fixo esa declaración. Ten medo a perder un ingreso importante. Que os valores das persoas non estean por diante de calquera cantidade de diñeiro é o que máis condeno. A miña muller ten case 40 anos e sabe cando está angustiada e cando lle tocan o cu", asegurou.
Alén deste caso denunciaron tamén que sufriron acoso sexual e violencia en Arabia Saudita as parellas de Dominik Greif, Manu Morlanes ou Antonio Sánchez, as nais de Abdón Prats ou o pai de Sergi Darder.