Curaçao, a illa de 155.000 habitantes que fai historia clasificándose ao Mundial
O Mundial de fútbol que se celebrará o vindeiro ano en América ten xa confirmados 42 equipos que competirán pola Copa. As últimas seis prazas están en espera polas repescas de marzo. As grandes sorpresas foron, sen dúbida, as clasificacións de Curaçao e Haití.
Curaçao: o pequeno país clasificado
Curaçao é unha illa caribeña situada ao norte da costa de Venezuela. Conta cuns 444 quilómetros cadrados de superficie, o que podería compararse con pequenas comarcas galegas como A Ulloa, que ten 421. Curaçao converteuse na madrugada desta cuarta feira no país con menos extensión territorial en xogar a Copa do Mundo en toda a historia da competición. En canto ao número de habitantes, conta cunhas 155.000 persoas, menos que a cidade de Vigo (293.977 habitantes) e pouco máis que Compostela (algo máis de 100.000).
O empate de Curaçao ante Xamaica (0-0) mostra tamén un aspecto moi especial, xa que este país é unha illa que forma parte dos Países Baixos, polo que este Estado contará con dous representantes no Mundial de 2026 ao clasificar tamén o conxunto orange.
A selección de Curaçao está baixo o mando do adestrador Dick Advocaat, de 78 anos, que xa debutou como adestrador na selección neerlandesa no Mundial de 1994, tamén nos Estados Unidos, onde o equipo chegou aos cuartos de final.
Haití, volve ao Mundial medio século despois
No caso de Haití, este país volverá competir pola Copa do Mundo despois de 52 anos. A illa ten unha extensión duns 27.750 quilómetros cadrados e a súa poboación estimada é de 11,9 millóns de habitantes. E é un territorio especialmente empobrecido e sen os grandes recursos para o deporte profesional dos que dispoñen outras potencias americanas. A considerada como a nación máis pobre de América foi azoutada por un grave terremoto en 2010 que deixou grandes secuelas e agora sofre as guerras das bandas nas rúas. O terremoto e un posterior gromo de cólera sitúan Haití no posto 163 no Ránking de Desenvolvemento Humano da ONU.
O equipo está baixo o mando do adestrador francés Sébastien Migné, de 52 anos. A pesar das precarias condicións de vida, o país encontrou no fútbol unha pequena alegría ao clasificar para o Mundial por segunda vez na súa historia.
Outros casos similares na Copa do Mundo
Este non é o primeiro caso desta índole, xa que noutras ocasións outros países pequenos e a priori con poucas opcións tamén se clasificaron ao Mundial. Este mesmo ano o arquipélago africano de Cabo Verde fixo historia ao lograr o billete por primeira vez na súa historia. Con menos de medio millón de habitantes, o país levou unha alegría que xamais esquecerá deixando no camiño todo un xigante do continente como é Camerún.
Aliás, no Mundial de 2018 Islandia converteuse no país máis pequeno en clasificarse para esta cita –até que esta cuarta feira o superou Curaçao–, cunha poboación de arredor de 330.000 habitantes daquela. O mesmo conseguiron outros países pequenos como o tamén caribeño Trinidade e Tobago en 2006.
Un Mundial que vai ser histórico
Por primeira vez na historia da Copa do Mundo, decorrerá en sedes de tres países diferentes: Estados Unidos, Canadá e México. Ademais, hai 48 prazas en total para xogar o campionato, 16 máis que no último Mundial, o de Qatar.
A Copa do Mundo é unha competición que une a humanidade cunha mesma paixón: o fútbol. Unha paixón que fai que moitos e moitas poidan evadirse dos seus problemas do día a día e sobre todo, vivir xuntos unha experiencia que ocorre só cada catro anos. Que países como Haití logren clasificarse para este campionato supón un pequeno sopro de esperanza para todos os habitantes do Estado americano.