O crecemento de Jones El-Abdellaoui ilusiona ao Celta: "Custará moitos millóns"

Jones El-Abdellaoui celebrando un gol co Celta en Balaídos. (Foto: RC Celta)
O Celta creou un modelo no que aposta por dar oportunidades aos xogadores máis novos para que, ao tempo que crece no aspecto deportivo, tamén poida conseguir grandes vendas no mercado de fichaxes. O verán pasado foi Fer López e o próximo en deixar "moitos millóns" nas arcas do club podería ser Jones El-Abdellaoui. 

O Celta de Claudio Giráldez é unha das sensacións do fútbol español. Non só nesta tempada, senón en todo o tempo que leva o adestrador do Porriño no cargo, onde o próximo mes de marzo cumprirá dous anos. Un dos seus sinais de identidade é a aposta decidida polos novos talentos que ten na canteira, con moitos deles instalados no primeiro equipo case desde a súa chegada. Con todo, quen está a chamar moito a atención, dentro e fóra do club vigués, é Jones El-Abdellaoui, un novísimo extremo noruegués —aínda que internacional por Marrocos— que en cada partido que xoga demostra o seu potencial e o brillante futuro que ten por diante.

Este mes de xaneiro faise un ano da súa chegada a Vigo, que estivo rodeada de polémica entre a afección. Mentres moitos seguidores reclamaban fichaxes para o primeiro equipo no último mercado de inverno, o club apostou por gastar perto de 4,5 millóns de euros nun descoñecido extremo de 18 anos do Valerenga. Ademais, aínda que adestraría cos de Giráldez, xogaría co filial até o verán para acelerar a súa adaptación ao Estado español. E en Primeira RFEF non brillou en exceso, aínda que no Celta tiñan clara a súa grande aposta.

O nórdico, que xoga coa sub-21 de Marrocos, foi citado para facer a pretempada co primeiro equipo. Ao mesmo tempo, o adestrador do Porriño pedía a chegada dun extremo para mellorar a súa plantilla. Marco Garcés, director deportivo, pediulle calma e unhas semanas despois El-Abdellaoui era confirmado como un xogador máis para a presente tempada. Os seus bos partidos e a súa actitude convenceron a un Giráldez que, co paso das semanas, foille dando moito máis protagonismo até converterse nunha das sensacións do equipo.

Desde o club recoñecen que este crecemento do noruegués superou as súas propias expectativas, xa que esperaban que esta primeira tempada na elite se lle fixese longa. Ao contrario, co paso dos partidos está xogando cada vez mellor, algo que non sorprende a quen o ven día a día. “Traballa como o que máis e escoita moito. Quere aprender e mellorar e nótase o seu esforzo. E o mellor é que ten moito potencial, vai ser un xogador importantísimo se continúa polo mesmo camiño”, apunta un dos seus compañeiros no Celta.

A verdade é que o corpo técnico está encantado con el, non só pola súa actitude, senón tamén polas súas cualidades. El-Abdellaoui é extremo de orixe, aínda que no primeiro equipo actuou como carrileiro, como segundo punta e até como dianteiro centro. “É rapidísimo, xera ocasións de gol e está traballando moi ben”, comentou Giráldez hai unhas semanas. Esta tempada xa suma tres goles e a súa importancia vai en aumento, participando en nove dos últimos dez partidos de Liga.  A súa velocidade convérteo nun xogador perigosísimo e cada vez ten máis puntaría de cara á portaría.

De todos os modos, no Celta queren manter os pés en terra, aínda que son conscientes de que varios scouts de equipos de Inglaterra e Alemaña viñeron velo en directo a Balaídos no último mes, onde, ademais, anotou dous goles ante Athletic e Valencia. En Vigo queren levar con calma a súa progresión e, polo de agora, non queren escoitar rumores sobre el, aínda que teñen claro cal debe ser o seu futuro: “Custará moitos millóns”, sinalan desde o club. Polo de agora, está ben protexido cunha cláusula de 50 millóns de euros.

Outros talentos

El-Abdellaoui é a cara visíbel da nova xeración de talento novo que está a brillar no club vigués, co filial como mellor exemplo. O Fortuna marcha segundo no seu grupo de Primeira RFEF e só o todopoderoso Tenerife é capaz de superalo. Ademais, faino cun equipo cheo de rapaces no que xogan varios xuvenís e onde catro dos seus xogadores máis destacados aínda non fixeron os 20 anos.

A Óscar Marcos (19 anos) moitos considérano o substituto ideal de Iago Aspas polas súas cualidades asociativas e presenza na área, aportando cada vez máis na faceta goleadora. O de Vilagarcía de Arousa non xoga tan arriba, senón que se move na segunda liña, como un centrocampista ofensivo ou mesmo mediapunta, podendo estar tamén nunha banda. Na próxima tempada xa podería estar a medio camiño entre o primeiro equipo e o filial. Estreouse como goleador no fútbol profesional na Copa do Rei.

Ángel Arcos é outro gran proxecto da canteira, aínda que nas últimas semanas está a ter un rendemento máis irregular. Extremo zurdo, destaca pola súa rapidez e verticalidade. Ten menos gol que o seu compañeiro, pero xa xogou este curso en Europa League fronte ao Ludogorets e en Copa ante o Sant Andreu. Precisa gañar un pouco máis de físico.

Os outros dous talentos nos que máis confían agora mesmo no club son Andrés Antañón (18) e Hugo Burcio (19). Ambos os dous son centrocampistas –aínda que o primeiro é algo máis ofensivo–, e destacan pola súa intelixencia, o bo xogo cos pés e a súa capacidade para recuperar balóns. O ano que vén deberían seguir no filial, pero pouco a pouco irán asomando ao primeiro equipo. Claudio Giráldez e o seu corpo técnico téñenos moi controlados.

Mercado: Tadeo Allende, máis perto de retornar ao Inter Miami

O Celta está perto de pór fin a un dos culebróns das últimas semanas. Estes días acelerou as negociacións co Inter Miami para o traspaso de Tadeo Allende, que xogou como cedido no campión da MLS durante todo o 2025 e que está a un paso de regresar, desta vez de forma definitiva. Aínda faltan por negociar varios puntos do acordo, pero o traspaso podería fecharse por unha cantidade próxima aos seis millóns de euros, unha cifra inferior á que pretendían obter en Vigo tras os play-off da liga estadounidense.

Allende non entraba nos plans de Claudio Giráldez e o equipo vigués non tiña intención de darlle unha ficha até o mes de xuño. O xogador tamén prefería marchar de novo, co conxunto de Leo Messi como a súa primeira opción. Tras negociar o que sería o seu salario, Celta e Miami achegaron posturas nos primeiros días de 2026 e o acordo está cada vez máis perto. O arxentino chegou a Vigo hai dous anos a cambio de catro millóns e medio de euros, polo que deixaría algo de beneficio na economía celeste.

O extremo e máximo goleador dos play-off da MLS tiña que regresar aos adestramentos co Celta o pasado 2 de xaneiro, pero o club decidiu darlle máis vacacións para intentar desbloquear a súa saída. Agora mesmo, é probábel que nunca volva a Vigo.