A Coruña reúne as mellores surfistas no Campionato Surf Open 2024
O Concello da Coruña e as federacións galega e estatal de Surf organizan este ano o Campionato do Estado de Surf Open 2024, unha proba que decorrerá desde hoxe e até o domingo na coruñesa praia do Matadoiro, sempre que as condicións sexan as apropiadas para a práctica desta disciplina deportiva. O evento leva por nome 'A Coruña King and Queen of the Bay' e reunirá as e os mellores surfistas de todo o Estado español.
A competición prevese emocionante. En principio, participarán 32 homes e 16 mulleres, que competirán nunha nunha única categoría individual, Open —masculino e feminino—. Os competidores proveñen de diferentes territorios do Estado, incluíndo 11 da Galiza, 7 de Asturias, 10 de Cantabria, 12 de Euskal Herria e 8 das Illas Canarias. Entre eles atópase o deportista olímpico Andy Criere, un mozo vasco (Donostia, 1995) que coñece ben a costa da Galiza. De feito, este surfista xa ten competido en anteriores ocasións na praia de Pantín (Valdoviño, comarca de Ferrolterra).
No Campionato Surf Open 2024 entregarase un premio que leva por nome Roberto Fariña García, en homenaxe ao que foi un dos pioneiros do surf galego, que faleceu hai catro anos. O trofeo será para o deportista que suque a mellor onda.
Programa
No marco desta competición, desenvolveranse estes días na cidade diferentes propostas de lecer e gastronomía. O espectáculo dividirase en tres zonas: a fonte dos surfistas, onde estará a parte deportiva do evento; o paseo marítimo entre a fonte e a Finca dos Mariño, onde se situará a oferta gastronómica e comercial, e a propia Finca, onde se desenvolverán diversas actuacións musicais.